O fío de lá tece as frustracións, a conciencia de sobrepasar os problemas e a reflexión sobre a condición feminina. É o novelo que fan e desfán seis mulleres ás ordes do director Celso Parada (o indiano Freire de "Libro de familia" e o pai defraudado de "O ano da carracha") na obra teatral "O club da calceta". A peza, unha comedia ácida, chega mañá sábado ao Teatro Caixanova de Vigo, a partir das 20.30 horas.

Estíbaliz Espinosa, Susana Dans, Laura Ponte, Maxo Barjas, Elina Luaces, Luisa Merelas e Imma António foron as seis actrices escollidas. A misión, dar vida a un grupo de mulleres diferentes que acordarán da súa realidade a través da tráxica e heroica vida de Davinia (Estíbaliz Espinosa). "Entre todas descobren que era unha muller inmensa -debulla Parada- que vingou a unha amiga que violaran matando ao culpable a man, aforcándoo coas súas propias mans". Unha muller "que decidiu non ser ovella" e que aceptou o seu fin, o suicidio.

O revulsivo das vivas

Este personaxe morto serve de unión das compañeiras que coinciden en situar á tía Davinia como "patrimonio da mulleridade". Todas elas nun momento de cambio nas súas vidas e que descobren a súa historia común nun clube de calceta ao que empezan a ir por lecer.

Así, o mundo da calceta pasará a ser unha terapia polo que comezan a contar as súas historias verdadeiras. A da beata, por exemplo, que ve caer os seus ideais ao coñecer que o cura tivo un fillo nunha das súas compañeiras. A dunha prostituta que decide deixar a actividade para pórse a escribir. E, por suposto, a de Nanda, a muller máis feliz do grupo, unha coxa que teme que o seu home que tanto a quere estea con ela por mágoa.

Influída polos filmes, a posta en escea de "O club da calceta" é "cinematográfica", misturando os monólogos de cada muller cun uso dramático da música. Cancións a capella dos anos 70 como "Resistirei" son entoadas polas propias actrices.

Esta é a proposta de Teatro do Morcego -que contou coa intérprete Mabel Rivera ("Mar adentro") como axudante de dirección-, versionando sobre as táboas a novela homónima de María Reimóndez (Lugo, 1975), que leva xa a súa terceira edición en galego e que xa ten sido traducida ao italiano e ao castelán.