O tradutor navega tanto nas ondas do libro co que traballa que, ás veces, chega a transformarse no sal dese mar. Algo parecido aconteceulle a Marga Rodríguez Marcuño quen no seu enderezo de e-mail incluíu simone e 1949. Simone en honor a Simone de Beauvoir e 1949 porque nese ano a autora francesa publicaba unha das obras filosóficas máis relevantes do século XX e tamén das máis escandalosas, "O segundo sexo".

No noso 2008, Xerais vén de sacar do prelo en galego esta exitosa obra traducida pola viguesa Rodríguez Marcuño quen garda unha anécdota garimosa dun traballo que -como ela mesma describe- afrontou "con emoción ao principio e coa desesperanza de non ser quen de acabala".

"Recordo ese momento en que acabo a derradeira revisión do prólogo na madrugada do día 9 de xaneiro (de 2008), xusto 100 anos despois de ter nacido Simone. Ela nacera ás catro da mañá", explica a tradutora.

Ademais da doce lembranza, Rodríguez recorda os atrancos: "O primeiro, e principal, non dispoñer dun dicionario blingüe francés-galego", outra asignatura pendente das editoriais.