J.M.LOUREIRO / A ESTRADA
Póñanse na situación dun universitario estradense ao que lle quedaron dúas materias para setembro. Remata os exames a comezos do mes de xullo e decide tomar uns días de descanso; bronceador, toalla e á praia. Pero este ano o tempo non acompaña, chove, ou no mellor dos casos está nubrado. E así pasan os días erguéndose ás doce e deitándose ás dúas ou tres da mañá, total está de vacacións. Chega o mes de agosto e, agora si, ¡hai que poñerse a estudar!
O gran esforzo chega co primeiro día. Esperta ás 7.30 horas e, tras unha ducha para espabilar, colle os apuntamentos e alá vai para a biblioteca municipal. A primeira sorpresa chega cando descobre que están en horario de verán e que a biblioteca abre ás nove. O universitario desde as oito na porta, non lle queda máis remedio que ir tomar un café ao bar de enfronte. Ás nove entra pola porta da biblioteca na procura dun sitio. Primeiro dilema, ¿para onde vai?, sala de lectura ou sala de estudo, escolle a segunda, que ao fin e ao cabo é o que vai facer á biblioteca.
O segundo problema salta á vista ou ao bolígrafo máis ben, as mesas semellan as paredes das covas de Altamira, todas escritas con gravados que dificultan a escritura, son precisos 5 ou 6 folios por debaixo para non percibir as enormes fendas das mesas. Superado este problema comezan a aparecer máis, mellor dito, moitos máis. O estudante está moi concentrado no seu estudo, cando de súpeto comeza a escoitar un son que se lle fai coñecido pero que non é quen de asociar, de repente son dous, logo tres e así ata que o son se converte nun pasarrúas ou nun paso procesional. Chegou o momento do segundo café do día, a banda de música está ensaiando no conservatorio municipal, dous andares máis arriba e así, é imposible concentrarse en estudar. Volve ao bar de enfronte e pide outro café con leite.
Remátao e volve para a biblioteca, a banda aínda non acabou o ensaio pero xa pasou media hora e non pode perder máis tempo. Como pode comeza e estudar de novo. Concéntrase e consegue seguir estudando, xa non percibe a "doce" melodía da banda. De súpeto nota que, por onda o nariz, ten unha gota de suor, nunca imaxinara que o estudo o fixese suar. Pero non é iso, simplemente son as 12.30 horas e a calor xa se fai insoportable nunha sala na que hai vinte ou trinta persoas e na que as fiestras están pechadas. De toda a comunidade estudantil, el debe ser o último en chegar, por iso se arrisca e ante a mirada de incredulidade dos demais, abre a fiestra que ten ao seu carón. O ruído que chega da N-640 que pasa por enfronte é insoportable, coa mirada fixa nos compañeiros, como pedindo desculpas, volve e pecha a fiestra. Para estudar aquí no verán hai que suar, dinlle algúns da mesa do lado.
Como pode volve ao estudo, suando e coa música da banda de fondo, todo un reto, pero é o primeiro día e as ganas de estudar son moitas. Corenta minutos máis tarde e tras a lectura de seis páxinas xúrdelle unha dúbida, levántase da mesa e achégase á estantería na procura do libro que lle solucione o problema. Volve a ser obxecto de miradas de incredulidade por parte dos outros estudantes. Entre sorrisos deixano que busque ata que se percata que os libros, a parte de poucos, están obsoletos. Os compañeiros dinlle que se quere solucionar un problema ten que ir á sala de lectura e procurar nos ordenadores, en Internet. Sae da sala de estudo, atravesa o pequeno corredor e abre a outra porta. Ao abrila aparece ante el unha imaxe oposta á da outra sala, as fiestras están abertas e o ruído que entra da rúa xúntase coas altas voces dos alí presentes, o que converte o lugar en calquera cousa menos nunha sala de lectura, como reza o cartel da porta. Os ordenadores están todos ocupados por rapaces de entre 12 e 16 anos. Achégase ao primeiro e comproba que está "chateando", o segundo está xogando en rede. Decide esperar mentras pola súa cabeza corre unha pregunta: ¿ isto é un ciber ou unha biblioteca?