ANXO MARTÍNEZ - CAMBADOS
O segundo Serán Ramón Cabanillas vai camiño de converterse nun dos grandes espectáculos de música tradicional do ano. A unha semana de que se celebre, os organizadores xa teñen confirmada a participación de media ducia de grupos de música e danza galegas, non só da comarca, senón tamén da zona de Pontevedra.
De Marcón veñen os "Atalúns", un grupo que dirixe Julián Carabelos Marín e que conta con doce integrantes, veciños de localidades como Poio, Pontevedra, Aldán, Vilaboa o Cerdedo. Outra das formacións que xa confirmou a súa presencia no Serán é a da Volandeira, unha asociación de Cambados que recuperou os Papamoscas de San Bieito e que vén de expoñer unha vintena de traxes galegos do século XIX.
A súa actuación no evento será a presentación oficial dos grupos de pandereteiras infantil e adulto de Volandeira. O Serán Ramón Cabanillas celébrase o vindeiro sábado, 6 de xuño, no pazo de Torrado, a partir das 21.30 horas.
Está organizado pola asociación cultural Unha Grande Chea –que tamén ten un grupo de música tradicional que vai actuar– e o clube de fútbol do Cambados, que este ano ascendeu ó grupo Sur da Rexional Preferente. Ademáis de música haberá dende as 10 da mañá un torneo de futbito 3x3 sénior e outro de nenos. O obxectivo deste Serán non só é promocionar a figura do poeta Ramón Cabanillas, senón tamén recadar fondos para o clube de fútbol, pois na vindeira campaña terá que facer fronte a máis gastos derivados do seu ascenso de categoría.
Outro dos grupos que xa confirmaron a súa participación no Serán Cabanillas é o da asociación Xironsa, que ten a súa sede en Corbillón. Este Serán –unha festa tradicional, que se perdeu co tempo, e que consistía en xuntanzas dos veciños dunha aldea, nas que calquera podía cantar ou tocar un instrumento– servirá tamén para ver a canteira destas formacións, posto que a maioría dos grupos levan con eles as súas seccións infantís.
Así o farán tamén os Ventiños de Oubiña, que ensaian na casa da cultura Manuel Mariño Castro da asociación de veciños San Vicente. En calquera caso, a inscripción sigue aberta para todas aquelas agrupacións do Salnés que queiran participar. Teñen que poñerse en contacto con Unha Grande Chea.