Expreso a miña admiración pola afouta reviravolta que a concellaría de Cultura imprimiu á festa do Entroido. Tras tres décadas arredor da figura do Meco (tantas como os da comparsa dos Tarteiras), nesta edición asistiremos a unha auténtica refundación do Carnaval vigués baseada na recuperación de tres elementos singulares e tradicionais: a consolidación definitiva da máscara do merdeiro (ou escabicheiro), na que tanto temos insistido desde hai anos neste espazo; a recuperación da comitiva rexia, formada por corenta persoas e presidida polo deus Momo, emulando a que organizaba a sociedade “A Carnavalesca”, dependente do Ximnasio, hai cento trinta anos e o rescate do popular xogo da sortella. Tres pezas que, xunto a unha mudanza nos espazos dos desfiles, salientando as rúas e prazas do Casco Vello e recuperando o seu itinerario habitual entre o Campo de Granada e a Praza de Compostela (onde se ubicará a “Morada Olímpica” de Momo), imprimen unha nova fasquía carnavalesca, na que se mesturan doses de tradición, elegancia e orixinalidade.
A recuperación da composición da comitiva do Momo foi posible grazas á descrición moi detallada do carnaval vigués de 1877 que Lisardo Barreiro realizou en senllos capítulos do seu libro “Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia” (Imprenta Martínez Salazar, 1890), transcrita, tamén, por Xosé María Álvarez Blázquez en “A cidade e os días”, o calendario histórico de Vigo que editamos en galego a pasada primavera. Na prosa decimonónica de Barreiro, á vez contida pola mesura de don Xosé María e engalanada polos divertidos comentarios do noso cronista, atopamos o espírito elegante dunha carnavalada que “durante tres días de esmorga e orxiásticos praceres [de domingo a mércores de cinza] convertía á cidade nun xigantesco teatro de inusitada pompa”. Aqueles entroidos postineiros da segunda metade do XIX, cando Vigo comezaba a desbordar o seu recinto amurado sobre o novo ensanche da Alameda e Príncipe, estaban organizados polas sociedades recreativas de xentes distinguidas e deportivas, nas que se falaba inglés e francés, ademais de beber cervexa, como notas do seu espírito liberal. Ao seu carón, pervivía un entroido popular protagonizado polas clases populares (mariñeiros da Ribeira, sobre todo) que durante estes días de exceso gozaban coas caras emborranchadas guindando augas suciais, ovos, fariñas e outros produtos molestos aos transeúntes (representada pola máscara do escabicheiro que recuperou do esquezo Xoaquín Lourenzo).
Da formidable descrición que Barreiro realiza da comitiva rexia de Momo, quédome coa relación dos doce deuses mitolóxicos-bufos, que chamaban a atención polo exquisito gusto e riqueza dos seus traxes feitucos: Orfeo, Esculapio, Saturno, Minerva, Apolo, Mercurio, Baco, Neptuno, Marte, Cupido, Venus e Xúpiter. Deuses do Olimpo que acompañaban na comparsa de Momo a ninfas, cortesáns, músicos e a vinte e cinco demos “encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela” que así debería ir enfatados para manter a súa autoridade. Momo, o demo maior do noso carnaval, no día da súa entronización saía embutido na monstruosa boca dun dragón e ao longo das xornadas de festa recibía preito homenaxe nas cerimonias de Bicamáns que celebraba no seu monumental catafalco situado na Alameda. Hoxe, tamén nos chama a atención a descrición do itinerario daquelas comitivas, que saían sempre do espazoso Campo de Granada (daquela o noso campo da feira, situado preto da actual praza do Rei), baixando pola rúa Pracer, seguindo por Príncipe, a rúa do Ramal (hoxe Colón), para coller por Vitoria e facer alto na Alameda.
Aquel entroido postineiro do XIX, no que se rendía culto afervoado ao deus da risa e da loucura, tomábase en Vigo moi en serio, evitando empregar a frase chocarreira e malsoante, o chiste de pouco gusto ou os estrambóticos atavíos dunha indumentaria zarapastreira. Lisardo Barreiro ten moi clara a función cívica e a influencia no progreso desta festa de carnestolendas en Vigo, xa que as brincadeiras e as mascaradas aquí “resultan verdades como templos, como as críticas acerbas e intencionadas dos nosos políticos, dos nosos costumes perniciosos e dos odiosos vicios da sociedade xeral”. Saliéntase así, o carácter laico e de ampla participación cidadán destas entroidadas, nas que durante uns poucos días se botaba a casa e todos os farrapos vellos pola xanela e se poñían en solfa as autoridades cunha intención lúdica, transgresora e cívica. Estes ingredientes do entroido do Momo XIX non se deben perder de maneira ningunha na refundación dos ritos e cerimonias do novo carnaval vigués. Forman parte esencial dunha festa de xoldra na que nos preparamos a despedir os duros días de inverno. Benvida, deus Momo!
bretemas@gmail.com