ANA SAÁ / VIGO
Son 35 poemas que amosan o antes, o durante e o despois dunha grave enfermidade: o cancro de mama. Asun Estévez presentará mañá en Bueu -acompañada do director de Ir Indo, Bieito Ledo; a cantante María do Ceo; e o alcalde de Bueu, Félix Juncal- o seu primeiro libro, "Pel de muller", unha obra poética de superación cuxos beneficios se destinarán ás actividades de Adicam (Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama). Jezabel Argüelles acompañará á escritora ao piano ás 18.00 horas no centro social do concello.
-Viu realizado un dos seus soños con este libro. Que foi o que a levou a estrearse no mundo da literatura?
-Escribo dende moi pequena, pero sempre o facía para min e a xente máis próxima. En 2006 dinlle un cambio á miña vida e comecei a facer cursos de galego e a traballar no sector sanitario. Ata ese momento non me sentira realizada. Cando me diagnosticaran o cancro estaba nun momento tan bo da miña vida que puiden afrontalo con outra visión e fortaleza. Collín todo con tanta ilusión que polas mañás ía a quimioterapia e polas tardes a clases.
-Axudoulle a superar esta enfermidade "Pel de muller"?
-Escribir este libro de poemas foi a mellor terapia contra o cancro. Nel plasmei o que sentía, o que pensaba en momentos de baixón. Paradoxicamente, os días que peor me atopaba era cando escribía as cousas máis bonitas. O corpo estaba roto, pero a cabeza loitaba.
-Cal é a esencia do seu libro?
-Este poemario ten vida propia e sentimento. A xente que está pasando ou que pasou por un cancro síntese moi identificada con el. Cando pasas por unha situación así daste conta de que todo se supera e que aínda hai ilusión por vivir coas cousas que che gustan, como a min a escritura. O que non podes é derrubarte, senón loitar.
-Que poema é o máis significativo para vostede?
-Para min son coma fillos e é difícil escoller, pero "Ficar por sempre" é moi especial. Fala sobre o xardín da miña casa, un proxecto de decoración que deseñara e que meu marido levou a cabo mentres eu estaba enferma. Nos días de máis dor pasaba moitas horas escribindo nel. Cando o leo aínda me emociono porque en ocasións pensaba que me ía ir. O último poema, "Navegar", mostra o que eu quero facer, navegar sen medos.
-Que aprendeu a raíz desta publicación?
-Pasar por un cancro e reflectilo nun libro foi unha experiencia moi positiva para min e vexo as cousas doutra maneira. Agora non lle teño medo a nada. Sempre vexo o lado bo das cousas, o malo non me interesa. O hoxe é o que importa e a vida segue adiante. Incluso saes fortalecida desta enfermidade. Medras como ser humano e iso plásmase na túa maneira de escribir. Ademais, nunca pensei que o libro fora a ter tanta acollida, e síntome moi afortunada polo apoio que estou tendo.
-Agora xa superou o cancro e mostra unha gran fortaleza, pero recibir a noticia da súa enfermidade sería un momento moi difícil...
-Antes de telo sempre dicía: "Se algún día teño cancro, eu morro", porque o asociaba á morte. En 2007, cando me descubriron o tumor, o primeiro que preguntei era se tiña solución. Naquel momento non pensaba en min, senón na miña familia, e fun eu a que tiña que dar ánimos. Un ano despois xa estaba recuperada.
-A cantante María do Ceo, que estará na presentación do poemario, ten intención de poñerlle música a un dos poemas...
-Nun concerto seu ao que fun díxome que lle encantara o poema do fillo. Vaille poñer música, e para min isto é un gran logro e unha satisfacción.
-A pesar de ser un poemario, o público volcouse co seu estreo...
-A poesía é un xénero que non gusta tanto, sen embargo hai xente que me di que a miña si lle gusta. Con este tipo de comentarios non me fai falla máis. Cando subo a un escenario para recitar síntome como na gloria e esquézome de todo. E é un orgullo comezar a colección de poesía de Ir Indo.
-Os beneficios do seu libro están destinados ás actividades de Adicam. Cal é o traballo que desenvolve esta asociación?
-Informamos a pacientes de cancro e prestámoslle o apoio psicolóxico que precisen. Ter unha testemuña en primeira persoa axúdalles a ver que esta enfermidade pode superarse con ilusión e con ganas de vivir.