XAN SALGUEIRO / LALÍN
Nalgunhas aldeas dezás aínda hai quen o primeiro que fai nin ben se levanta o Día de Reis, mesmo antes de mirar se nos zapatos, no belén ou ao pé da árbore de Nadal lle deixaron algo as Súas Maxestades de Oriente, o primeiro que fai é dar unha volta polos arredores da casa ou da explotación agrogandeira para comprobar que todo estea en orde. Non vaia ser que se prepare para muxir e descubra que lle desapareceu a muxideira, ou que queira levarlle herba ou silo ao gando e se decate de que o remolque, a forcada ou mesmo o tractor non están onde os deixara unhas horas antes. Aínda hai quen é fiel a este ritual, porque, malia que cada vez menos, tamén segue habendo quen se encarga de que a tradición das trasnadas da Noite de Reis non esmoreza. Dous dos exemplos comarcais más significativos son os das parroquias de Negreiros (Silleda) e Merza (Vila de Cruces).
O atrio da igrexa de Negreiros convértese cada mañanciña do Día de Reis nun improvisado bazar onde se poden encontrar os máis variados artigos. Vaian ou non á misa, polo entorno do templo acaban pasando nesa xornada ou nas seguintes -sempre hai quen non se decata do que lle falta ata o intre en que o precisa- a maior parte dos veciños da parroquia. Onte a mediodía, logo de que moitos habitantes xa pasaran a recoller as súas pertenzas, aínda quedaba unha nutrida representación diante do atrio: Unha cisterna-bebedeiro para o gando, un sementador, un remolque, unha cancela, macetas, sillas de plástico... eran algúns dos utensilios almacenados durante a noite máis movida do ano en Negreiros. "Hai máis trasego de noite ca polo día", relata un xoven residente que xa ten feito das súas.
Tamén en Merza se mantén este costume que algúns etnógrafos enraízan nun "ritual dos ataques do mal para fomentar o caos e o desorde". Desta volta houbo "pouca cousa", segundo veciños consultados: Intercambios de maceteiros dun bar a outro e formigoneiras subidas no palco da música. Cada vez son menos os que se animan a facer falcatruadas que xa non sempre son ou se toman como bromas, sobre todo a raíz de intervencións policiais cando o conflicto de Redesa e dunha denuncia que terminara con algúns veciños no xulgado por danos ao mobiliario doutros. Iso si, o que non falla é que "a determinada hora vaise a luz pública", disque para poder actuar con auténtica "nocturnidade".
Repiques de campás ou lanzamento de bombas de palenque teñen sido alertas habituais destas falcatruadas nocturnas, que noutros sitios de Galiza e tamén da comarca son máis típicos de noites igualmente máxicas coma as de San Xoán, a dos Santos Inocentes o a de Noitevella. Tradicións coma esta ou a tamén vida a menos de "cantar os reis" resisten aínda nalgúns reductos o peso da modernidade.