farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

Agustín, premio nacional

Manuel Bragado

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Coñecín a noticia de madrugada en Cidade de México, onde estamos participando nas actividades da "Semana Cultural de Galicia", organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no Instituto de Investigaciones Filológicas da UNAM, con motivo da posta en marcha da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall de Lingua, Literatura e Cultura Galegas. E poucas veces diante dunha chamada nocturna levei unha ledicia semellante, xa que, por fin!, recoñecíase o traballo literario do escritor Agustín Fernández Paz co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, un dos máis altos galardóns que un autor galego pode recibir. "O único que queda é o amor", o libro de relatos de amor e desamor, ilustrado fermosamente por Pablo Auladell, editado por Xerais en galego e por Anaya Infantil y Juvenil en castelán e do que xa existe tradución ao portugués ("Só resta o amor") e está comprometida as do catalán e éuscaro, foi, felizmente, a obra premiada. Este "Nacional" do vilalbés Fernández Paz, uníase ao anunciado a pasada semana de Justo Beramendi, na categoría de ensaio, por "De provincia a nación. Historia do galeguismo político", o groso volume de mil duascentas páxinas, que editamos, tamén, en Xerais. Un éxito, sen precedentes, da edición en lingua galega que nun mesmo ano ven recoñecida a excelencia de dúas das súas obras, salientadas por xurados amplos e independentes, nomeados polo Ministerio de Cultura, entre todas as publicadas na slinguas oficiais españolas nos eidos da literatura infantil e xuvenil e no ensaio.
O de Agustín Fernández Paz é o cuarto dos premios nacionais da literatura infantil e xuvenil galega (LIX), tras os obtidos na década dos oitenta por Paco Martín ("Das cousas de Ramón Lamote"), Xabier P. DoCampo ("Cando petan na porta pola noite", 1994) e Fina Casalderrey ("O misterio dos fillos de lúa", 1997). Catro premios que avalan a traxectoria dunha xeración de narradores e narradoras galegos (da que forma parte case unha ducia de persoas) que apostando, tanto polo uso do galego como a súa lingua de instalación, como por unha escrita baseada na excelencia, conseguiron, ao longo das dúas últimas décadas, construír un formidable catálogo de textos destinados á formación dun criterio literario en varias xeracións de mozos e mozas. Hoxe a LIX galega é unha marca de calidade, cada vez máis recoñecida e valorada (como demostran estes nacionais e as numerosas traducións realizadas) fóra do noso país.
Este premio nacional para Agustín Fernández Paz é dobremente merecido, tanto pola calidade indiscutible do libro premiado (recoñecido xa cos premios Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil de 2007, outorgado polos editores galegos, e o da AELG, concedido en votación polos seus compañeiros da Asociación de Escritores), como por toda unha traxectoria autoral, conformada por máis de corenta obras, recibidas de forma entusiasta polos lectores (algunhas delas, como "Cartas de inverno" ou "Flores radiactivas" levan durante dúas décadas sendo os libros máis vendidos na nosa lingua) e pola crítica máis esixente. Máis aínda, cando Fernández Paz (pregoeiro, tamén, esta semana do "Día da Biblioteca"), a pesar de adscribirse formalmente ao subxénero da LIX, é un dos máis importantes narradores galegos contemporáneos, tanto pola beleza da súa prosa (depurada ata a extenuación), pola súa capacidade técnica no manexo de todos os rexistros narrativos, como pola profundidade temática das súas obras construídas cos fíos da vida e dos soños. As novelas e os contos de Agustín, como os textos de don Álvaro Cunqueiro, bébense por lectores de todas as idades coa mesma facilidade que o líquido dunha fonte de auga clara e cristalina. Velaí o engado irresistible dos contos de "O único que queda é o amor", dez historias memorables protagonizadas por homes e mulleres que descubren no amor un sentimento poderosísimo (como o da amargura, inevitable, do desamor), capaz de modificar as súas vidas e tan imprescindible para vivir como o aire que respiramos. Un libro, ademais, que constitúe unha emocionante homenaxe aos libros e os autores que ama o autor, un chamado optimista a prol dunha transgresión lectora que nos faga máis plenamente humanos.
Este nacional de Agustín Fernández Paz, ademais, é unha magnífica oportunidade para que lectores e lectoras adultos visiten sen prexuízos de ningún tipo outras novelas claves, da súa produción como "O centro do labirinto", "Aire negro", "Noite de voraces sombras" ou "Corredores de sombras". Comprobarán que estes textos desmontan os tópicos sobre os libros publicados en coleccións infantís e xuvenís, tantas veces invisibles e considerados como "menores" para o grande público. Como sinala o norugués Jostein Gaarder (un autor cunha proxecto literario semellante ao de Fernández paz), estes libros son os que "tamén poden ler os nenos e mozos". Agardamos que a maior contribución deste premio nacional sexa o de contribuír a derrubar este valado. Os nosos maiores parabéns.

COMPARTIR
 



  HEMEROTECA
Operación
Tipo de inmueble
Provincia
Anunciese gratis
El portal inmobiliario de 
  Encuestas de actualidad
¿Debe permitirse la legalización del apartotel de Samil?
  Sí, el nuevo Plan Xeral lo permite
  No, existe una sentencia que obliga a su derribo
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
Sí, el nuevo Plan Xeral lo permite 21%
No, existe una sentencia que obliga a su derribo 79%
   
¿Debería dejar Corina Porro el Senado para ser diputada autonómica o al contrario?
  Sí, debería centrarse en el Gobierno de la Xunta
  No, no son puestos incompatibles
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
Sí, debería centrarse en el Gobierno de la Xunta 69%
No, no son puestos incompatibles 31%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 
  Aviso legal
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | El Boletín  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas