ÁGATHA DE SANTOS / VIGO
O poeta e intelectual galego Ramiro Fonte, de 51 anos, faleceu onte no Hospital Bellvitge de Barcelona, onde se atopaba ingresado dende o pasado 23 de setembro, por mor dun cancro. Fonte era membro da Real Academia Galega e na actualidade dirixía o Instituto Cervantes de Lisboa.
Licenciado en Filosofía e Letras e profesor de Lingua e Literatura galegas, Ramiro Fonte foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo, en 1977, do que formaban parte Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño y Helena Villar Janeiro. Nacido en Pontedeume (A Coruña) en 1957, ademais da poesía, cultivou a narración, o ensaio, a crítica e foi un estudoso da literatura galega.
Conta cunha importante obra narrativa, aínda que é máis coñecido pola súa produción poética, pola que recibiu importantes recoñecementos, entre os que se atopan o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica Española, o Premio Esquío e o Premio Miguel González Garcés.
Entre a súa obra poética atópanse "As cidades da nada" (1983), "Designium" (1984), "Pensar na tempestade) (1986), "Pasa un segredo" (1988), ´As lúas suburbanas´ (1991), ´Adeus norte´ (1991), ´Luz do mediodía´ (1995), "Persoas de amor" (1995), "O cazador de libros" (1997), "Capitán Inverno" (1999) e "A rocha dos proscritos" (2001).
A directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, asegurou onte, tras coñecer o falecemento de Fonte, que a súa morte sume "na consternación e a tristura" á institución, e recalcou que "máis que un compañeiro, era un amigo".
"O seu agudo sentido do humor, a súa tenrura no trato, e a súa bondade facíano querido por todos, ao igual que o amor polos versos de Pessoa e polas rúas de Lisboa", detalles que, segundo Caffarel, o converteron no "anfitrión perfecto para cantos nos achegabamos á capital portuguesa".
Na súa opinión, o falecemento do poeta de Pontedeume supón tamén unha "gran perda" para a literatura contemporánea en lingua galega, ao estar a súa poesía, profundamente arraigada na memoria e nas preocupacións colectivas do presente, e "cargada de emoción e de referentes vinculados á xeración que adquiriu a madureza na transición á democracia".
O Goberno galego manifestou o seu pesar e a súa consternación pola morte de Fonte, unha perda que cualificaron de "irreparable", tanto para as letras e a cultura galegas como persoalmente.
En senllos comunicados de prensa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, lamentaron o falecemento do actual director do Instituto Cervantes de Lisboa.
Touriño destacou que as letras e a lingua galega "están de loito porque Galicia perde hoxe unha das voces máis lúcidas da literatura", ao tempo que lle trasmitiu á familia do escritor as súas condolencias persoais.
Pola súa banda, Ánxela Bugallo, que anunciou que asistirá aos actos fúnebres que terán lugar mañá, ás 16.30 horas, en Pontedeume, pobo natal de Fonte, eloxiou o seu papel como o "poeta e narrador" máis destacado dos últimos anos.
O editor e poeta Xosé Lois Rei Núñez, director de cultura de Televisión de Galicia, amigo de Fonte dende a Universidade, asegurou, emocionado: "Quedei sen un dos meus mellores amigos e a literatura galega perdeu un dos grandes escritores de todos os tempos".
Profundidade e sinxeleza
En opinión de Rei, o poeta mesturaba con mestría a profundidade coa sinxeleza na exposición e soubo facer unha simbiose perfecta entre a cultura universal e a popular. "Sentía grande curiosidade pola cultura en xeral, pero tamén pola popular", manifestou.
O editor eumés Ignacio Chao, unha das persoas que mellor coñece a obra de Fonte, non podía apenas falar ao referirse ao autor de "Vidas de infancia", a quen cualificou como "unha das grandes voces da literatura galega do último medio século". "Foi romántico, moderno e popular; brillante nos tres rexistros poéticos", engadiu.
En canto á súa obra, afirmou: "Era como un corpo unido por vasos comunicantes: por unha inmutable filosofía moral e despois por unha ideoloxía estética que era produto dun coñecemento envexable de utlilización da cultura e dos seus límites. En cada unha das súas páxinas están gardadas ou resumidas as nosas vidas".
Pola súa banda, Lois Andrade, técnico cultural e amigo do escritor dende a etapa universitaria, definiu a Fonte como o mellor poeta contemporáneo galego e recordou que gozaba dun gran recoñecemento, especialmente fóra de Galicia, tanto pola pureza da súa prosa coma pola profundidade da súa obra. "Fonte recrea coa súa prosa fotográfica a condición humana cunha arquitectura na palabra totalmente pulida, perfecta e que é debedora da poesía na súa precisión e musicalidade", asegurou Andrade. Segundo os que coñecían a súa obra Fonte foi "o poeta da memoria da infancia".