Onte morreu en Barcelona Ramiro Fonte. Abandonounos un amigo de amizade leal e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos. Cidadán vigués dende hai tres décadas, queridísimo profesor de lingua e literatura do Instituto do Calvario e actual director do Instituto Cervantes de Lisboa, o escritor eumés deixa aos lectores e lectoras en herdanza máis de dúas mil páxinas de versos e outras tantas de prosa en galego das máis importantes e medidas das publicadas na lingua de noso. Unha obra literaria monumental, que o tempo valorará como se merece, da que Ramiro se sentía orgulloso dende a súa condición de humilde e honrado escritor e lector de versos «para pensar que non estamos sós».
Coñecín a Ramiro hai vinte anos por un seu libro de poemas «Pasa un segredo» (1988), un volume que dende entón me acompaña e me consola. Alí descubrín a un poeta esencial e depurado que loita contra a memoria ferida. Poeta reflexivo e lúcido, dende os seus inicios como membro do grupo «Cravo fondo», atopei naquelas páxinas poemas emocionantes sobre a amizade, o amor, os ritos do recordo, sobre esa sombra da morte, que como sinala Borges, vainos a todos desgastando, ou sobre a mocidade, que imos, inexorablemente, abandonando. Pouco despois daquela primeira lectura fíxenme seguidor da súa obra narrativa, cando aínda non o coñecía personalmente. Lin as súas catro novelas sentimentais, as súas regras do xogo (cando se aventurou nos vieiros do xénero policial), as súas aves de paso e os seus leopardos da lúa, a novela na que rememoraba a mocidade universitaria, coa que quedei emocional e sentimentalmente vencellado para sempre ao «universo Fonte».
No entanto, foron os seus libros de versos, como el prefería definir aos seus poemarios, os que marcaron a súa posterior traxectoria como narrador, especialmente, «Adeus Norte» (1991), premio Esquío; «Luz do mediodía» (1995), no que homenaxea o seu Pontedeume natal (Eu amo, miña vila, todo canto me deches, / Todo o que prometiches na túa escola / De nenos portuarios naquelas tardes grises); e «Mínima moralidade» (1997), Premio González Garcés, na que recollía o lema do filósofo Theodor Adorno «se a vida realizase polo dereito o seu destino, malograríao» e anticipaba, coincidindo coa súa experiencia londinense, o que sería o primeiro capítulo d' «O cazador de libros» (1997) e «Capitán inverno» (1999), dúas das súas obras fulcrais, nas que poñía en primeiro plano a reflexión sobre as mínimas condicións morais que son esixibles perante o acto da escritura e lectura que encerran os poemas.
Co comezo do século, Ramiro acometeu durante sete anos de infatigable traballo o proxecto de «Vidas de infancia», un monumental relato de mil cincocentas páxinas, no que en tres novelas recuperou o tempo e o lugar da súa infancia eumesa. Froito deste esforzo, no que estivo sempre apoiado polo seu inseparable amigo o editor Ignacio Chao, son tres volumes -«Os meus ollos» (2003), «Os ollos da ponte» (2004) e «As pontes no ceo»(2007)- que, sen dúbida, pasarán á historia prosa de ouro en galego. Páxinas piadosas, emocionantes, dignas, honradas, nas que a prosa flúe fermosamente, traballada coas ferramentas minuciosas do artesán. Descrición dos espazos humildes desgastados pola man do tempo; relatos dos aconteceres de heroes anónimos que falan nas barberías e comercios e beben nas tabernas. Espazos e personaxes eumeses, porén, universais, dunha triloxía escrita coa luz do afecto, esa liña tenue que nos fai mellores e máis humanos. Do empeño formidable desta triloxía, comezada en Vigo e rematada en Lisboa, dúas cidades portuarias que tanto amaba e as que rendeu homenaxe nos seus versos, Ramiro Fonte saíu tan robustecido como exhausto, despois de explorar novos límites para a narrativa galega e construír unha obra indiscutible sobre a memoria da infancia, a única patria posible, onde están formulados todos os sinais da identidade e dos nosos afectos.
Desde hai poucos meses, Ramiro Fonte, agarimado por Elsa e polos seus íntimos, libraba unha difícil batalla en Barcelona, que non lle impediu escribir dous formidables libros de poemas, «Xardín do Pasatempo» (Tambre 2008) e «Reversos» (Xerais 2008), os dous a piques de aparecer nas librarías. No primeiro, dedicado a Ainé, a súa afillada, Ramiro adentrábase por vez primeira nos territorios dos versos para os lectores máis novos, ofrecendo un dos seus libros máis fermosos e emocionantes. No segundo, que desgraciadamente non puido chegar a ter nas súas mans, Fonte volve sobre os seus temas principais de poesía da experiencia e da memoria. A súa ausencia déixanos a saudade do seu abrazo e palabra agarimeira, mais nos seus versos eternos queda «todo o mar na fragrancia da ribeira». Con todos os abrazos para Elsa.
bretemas@gmail.com