farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

Victoria Diehl

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Manuel Bragado

Comeza a tempada de outono no vigués «Eixo do Sireno» (hoxe a armazón expositiva máis punxente de noso) cunha magnífica mostra de Victoria Diehl na sede da Fundación Caixa Galicia. Baixo o título de «Frías, fráxiles e durmintes», a xove fotógrafa coruñesa presenta, nunha exposición encadrada no «PhotoGalicia 2008», catorce fotografías de grande formato que revisan o seu traballo dos cinco últimos anos e anuncian o seus proxectos futuros. Formada en pintura na Escola de Belas Artes de Pontevedra e diplomada en Estudos Avanzados de Fotografía pola Universidade de Vigo, Victoria Diehl é un dos membros máis destacados desa nova xeración de artistas fotográficos, alicerzada polo maxisterio de Manuel Sendón no Centro de Estudos Fotográficos de Vigo (CEF), da que forman parte tamén os nosos admirados Fran Herbello (o autor das series «A imaxe e a semellanza» e «Mal de corpo») e Andrea Costas (a autora de «Formas de ser» e «Persoal e intransferible»).
Coñecimos o espectacular traballo de Victoria Diehl en 2003 cando o CEF publicou o seu libro «Vida e morte das estatuas», no que xogando coa ambigüidade de imaxes escultóricas que se volven reais, recreaba o mito de Pigmalion, aquel rei chipriota que enamorado dunha estatua de marfil pediu a Afrodita que lle concedese unha esposa que se lle imitase no seu ideal de beleza. Tras aquel primeiro traballo, no que a pedra e o corpo se mesturaban en enigmáticas anatomías mutiladas situadas nese espazo e tempo imprecisos, entre os vivos e os mortos, a fotógrafa coruñesa, tras a súa estadía dun ano na Academia de España de Roma, ofreceu en «Vanitas» (2005) e, sobre todo, en «Corpos vulnerables» (libro editado en 2007 e exposición na Galería Bacelos de Vigo en xaneiro de 2008) unha revisión do canon da beleza feminina e do patetismo da escultura clásica italiana. Nestas novas series, o corpo feminino continúa reencarnándose en estatuas ciceladas nos cánones clásicos, mais, empregando as posibilidades técnicas e creativas de «escultura dixital» do Photoshop, Diehl ofrece outra sorprendente volta de torca ao seu traballo artístico: os corpos femininos perden cor e vida, deteriorándose pola vellez e polas cicatrices da cirurxía, no ventre e no peito, alí onde son máis frecuentes e dolorosas as patoloxías das mulleres.
En «Frías, fráxiles e durmintes», unha das cinco exposicións de «PhotoGalicia 2008», Victoria Diehl presenta de forma unitaria as dúas facianas da súa reflexión poética arredor da obxectualización do corpo feminino e a súa representación patriarcal no contexto dunha cultura abafante que promove teimosamente o culto ao corpo e comercializa un modelo de beleza feminina onde se maquean e agachan as texturas de calquera posible «imperfección» da pel. Así, na primeira das salas presenta unhas poucas pezas da súa primeira etapa creadora nas que, xogando coa manipulación de imaxes pictóricas (como esa Nefertiti do velado, que evidencia aínda máis a súa cegueira) ou escultóricas da mitoloxía clásica (deusas, como Venus) de texturas marmóreas e materiais moi fríos, o espectador asiste atónito a súa reencarnación humanizada. Na segunda, onde se atopa o cerne da mostra, os retratos e os encadres de corpos femininos mozos de rostro oculto (propios da fotografía médica) de inevitable crueza, grazas á presenza de gretas, roturas, restauracións, texturas e granulados escultóricos, vivifican o corpo feminino como espazo das sensacións de dolor ou de sufrimento e do paso inevitable da vórtice do tempo que lles vai roubando a vida, feitos que non impiden que perdan un ápice da súa beleza e dignidade.
A mestura sutil e coidadosamente ambigüa entre o quietismo inmortal da escultura clásica e neoclásica e do verismo intrínseco do nu fotográfico permítelle á artista ofrecer ao espectador a posibilidade de que a súa imaxinación participe nunha dobre viaxe: un roteiro de imaxes no que asiste á reencarnación da pedra (o que poderiamos denominar como «a resurreción da pedra») e outro, inverso, do cambio da carne e da pel (dos corpos) en pedra («a pedrificación dos corpos»). Deste xeito, Victoria Diehl consegue que as súas inquedantes imaxes oníricas, que recrean unha realidade (que sabemos inexistente), se convirtan, porén, para o espectador nunha oportunidade para reflexionar sobre a existencia humana e o seu inevitable devir no tempo. Recomendo vivamente acudir a esta extraordinaria exposición de indubidable pegada romántica sobre a frialdade da pedra, a fraxilidade do corpo e o estatismo das esculturas. Non hai dúbida que Victoria Diehl é un dos grandes valores emerxentes no panorama actual das nosas artes visuais. Paga a pena coñecer esta síntese da súa obra que permancerá aberta na Fundación Caixa Galicia de Vigo ata o vindeiro 2 de febreiro.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 



  HEMEROTECA
Operación
Tipo de inmueble
Provincia
Anunciese gratis
El portal inmobiliario de 
  Encuestas de actualidad
¿Debe permitirse la legalización del apartotel de Samil?
  Sí, el nuevo Plan Xeral lo permite
  No, existe una sentencia que obliga a su derribo
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
Sí, el nuevo Plan Xeral lo permite 21%
No, existe una sentencia que obliga a su derribo 79%
   
¿Debería dejar Corina Porro el Senado para ser diputada autonómica o al contrario?
  Sí, debería centrarse en el Gobierno de la Xunta
  No, no son puestos incompatibles
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
Sí, debería centrarse en el Gobierno de la Xunta 69%
No, no son puestos incompatibles 31%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 
  Aviso legal
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | El Boletín  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas