O estaleiro emprega a lingua galega nos rótulos, chamadas, contratos e convenios MAR MATO / VIGO
Primeiro foi a operadora R, despois Caixa Galicia e, agora, o asteleiro vigués Barreras como terceira gran empresa do país que se compromete á galeguización da compañía, o que consistirá en empregar o galego nos seus rótulos, na páxina web, na recepción de chamadas telefónicas, nóminas, contratos e no convenio colectivo. O paso de Barreras foi anunciado onte tras a reunión do Foro Enrique Peinador, unha iniciativa que busca a progresiva introdución do galego nas empresas en cumprimento da lexislación vixente. Neste encontro, as escolas de negocio tamén se mostraron a favor de provocar un cambio de actitudes verbo do uso do galego. Se ben nos casos de R e Caixa Galicia, a galeguización fora decidida por iniciativa empresa, en Barreras optaron por esta medida trala iniciativa do Foro Peinador. O seu presidente, Xosé González, lembraba onte que nos anos 30 do pasado século empresas pioneiras como conservas Massó ou Aguas de Mondariz avanzaron no uso do idioma. A primeira empregábao no cartelismo interior da fábrica. A segunda avanzou no uso da lingua de noso na súa promoción antes do golpe franquista. "Non é unha arroutada" Na actualidade, González explicou que a etiquetaxe en galego crece. No sector do viño, no ano 2003, só galeguizaban a etiqueta 15 adegas. Nestes intres, xa o fan 115 das 400 do país; e está previsto que para na vindeira campaña de novembro ascendan a 157. O presidente do Foro recalcou que a galeguización dunha empresa "non é unha arroutada senón que está nunha coordenada legal" e que non se debe identificar "con ser nacionalista". O fiscal superior, Carlos Varela, lembrou onte en Vigo que o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 detectara "un débil uso do galego no ámbito dos negocios" e que desde o Foro Peinador -no que el participa- tense acordado aumentar esa presenza. Para conseguilo, "o paso que vai dar Barreras é moi importante", sinalou onte a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. O presidente do asteleiro, Francisco González Viñas, engadiu que ademais desta compañía, preténdese estender a galeguización ás empresas auxiliares do sector naval. Carlos Callón, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística -allea ao Foro E. Peinador- aplaudiu onte a iniciativa do estaleiro e sinalou que a excepción deste caso, R, Caixa Galicia e as adegas, as empresas do país "carecen de reflexos para crear nos estudos de mercado que sinalan que o uso do galego é un elemento de distinción para o produto tanto para o consumidor que fala castelán como galego". Sinalou tamén a curiosidade de que varias compañías foráneas como Eroski, Mercadona ou Hipercor apostan máis polo uso do galego que as propias firmas autóctonas.
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.