Manuel Lourenzo, profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra aseguraba onte que "o Premio Xerais é un galardón moi prestixioso e moi apetecible porque para os amantes da literatura ten un significado moi especial". A súa novela, "O xardín das pedras flotantes" narra a historia dun amor entre dous adolescentes, no que a causalidade, o azar e a traxedia están presentes. "A enerxía dun amor duro e libre vira cara un rumbo inesperado no que o real e o imaxinario conviven xuntos", recoñecía o autor. Aínda que Manuel Lourenzo é optimista coa situación da literatura galega en cuestión de calidade e oferta, "segue a existir un vicio cultural a prol do castelán. O traballo de Normalización Lingüística é esencia e temos que acabar co complexo de inferioridade do galego", engadía.