18 de mayo de 2018
18.05.2018

Deporte e premios para coidar o galego

Raxó acolleu a "Carreira pola Lingua" e o acto central do Día das Letras no Xaime Illa, onde houbo divulgación e premios literarios

18.05.2018 | 03:47

O galego perde falantes. É unha realidade. O idioma non é tan falado coma en tempos pretéritos. Sen embargo, para rachar con esta tendencia, Poio organiza ao longo desta semana diferentes iniciativas enfocadas cara os máis mozos para fomentar entre eles a recuperación do idioma autóctono. Onte, coincidindo co Día das Letras Galegas, a parroquia de Raxó acolleu actividades deportivas e culturais que achegaron o galego á xuventude. A "Carreira pola Lingua" contou, un ano máis con numerosos participantes e pola tarde, os premios literarios marcaron a axenda.

Unha lingua morre se non se usa. Pero ninguén dixo que para fomentar a súa fala houbese unha soa fórmula. Por iso, desde o Concello de Poio levan varios anos apostando por unificar o galego e o deporte no día máis senlleiro das letras nacionais. E este 2018 non foi a excepción. A parroquia de Raxó acolleu os actos a prol da lingua autóctona ao longo de todo o día de onte.

Poio amenceu cedo, sabedor de que era unha xornada moi especial. Desde as 10 da mañá, o peirao dun Raxó que está de moda e actualidade por outro tipo de cuestións máis políticas encheuse de familias que aproveitaron o festivo das letras para practicar deporte.

Moitas ducias de rapaces e rapazas de todas as idades acabaron inscribíndose nunha proba deportiva que trascurreu polo peirao e o casco histórico de Raxó, nun circuito totalmente urbano que permitiu que moreas de espectadores puidesen disfrutar tamén do evento desde a barreira.

Finalmente, tras a entrega de premios por categorías, foi hora de comer e repoñer forzas para disfrutar da magnífica tarde de sol e praia. Aínda que as actividades non pararon en Poio. Cara ás 17.30 horas, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó abriu as súas portas para celebrar o acto máis institucional das Letras Galegas.

O antropólogo Rafael Quintía ofreceu unha conferencia divulgativa de preto dunha hora de duración sobre "O mundo da mitoloxía na literatura oral galega".

Quintía é unha personalidade recoñecida, xa que é fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Así memos, gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo "Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega" e o Premio de investigación Luís Cuadrado co traballo "A Nosa Señora da Lanzada". Tamén conseguiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra "Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia".

Logo foi o turno da entrega de premios aos gañadores da XXV edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto. Darío Barros, Antía Yáñez, en categoría adultos, e Carolina Miguéns, Silvia Villaverde, Jessica Hespanha, Ainhoa Blanco e Hatim Ajab, nas de menores, foron os galardoados polos seus traballos en verso ou prosa en forma de relato curto.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine