O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de achegar a súa programación polo 20º aniversario do pasamento do escritor, historiador e etnógrafo cotobadés Antonio Fraguas aos colexios públicos do municipio cun acto de homenaxe no CEIP de Carballedo no que participaron o presidente municipal, Jorge Cubela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a vicepresidenta da Fundación Fraguas, Concepción Losada; e que tamén servíu para entregar unha unidade didáctica, moi lúdica e visual, sobre este gran persoeiro aos rapaces de Educación Primaria. No acto tamén estiveron presentes varios membros do goberno local e Xosé Manuel González Reboredo, Clodio González e Paco Fariña en representación da fundación que leva o nome do homenaxeado.

O Concello deseñou un programa de actividades de lembranza e posta en valor de Antonio Fraguas, que arrancou hai tres semanas cun acto de homenaxe no Museo do Pobo Galego. Paralelamente, e co obxectivo de dar a coñecer aínda máis esta figura entre a veciñanza, tamén se elaborou un díptico informativo cunha tirada de 1.500 exemplares e se programou esta xornada escolar, coa que se puxo fin á parte inicial destes actos, que se prolongarán ata novembro de 2019.

Na xornada de onte, Cubela, García e Losada compartiron parte da mañá cos escolares de Carballedo para explicarlles a importancia da figura de Fraguas na cultura galega do século XX e entregáronlles unha ficha didáctica que permitirá que coñezan máis en profundidade e dun xeito lúdico a súa traxectoria. Estas unidades educativas xa foron entregadas ao Concello, que llas fará chegar tamén aos escolares de Tenorio e Cerdedo.

Polo demais, Cubela quixo destacar a importancia deste acto con escolares en torno a Fraguas, "xa que cremos que as novas xeracións deben coñecer e querer a figura e a obra de Fraguas para poder transmitir con orgullo o seu legado" e ademais considera fundamental "que saiban e coñezan que destas terras saen, e seguirán saíndo, as figuras máis importantes da nosa cultura, o que serve para realzar a importancia do rural como punto de partida para alcanzar os fitos que un se propoña con adicación e talento".