Poio deu comezo á súa particular semana das Letras Galegas. Na noite de onte, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acolleu a representación da obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", que percorre a vida e obra de María Victoria Moreno. A entidade encargada de representar dita obra foi Matrioshka Teatro.

A escritora afincada en Pontevedra seguirá sendo protagonista no día a día de Poio a partires de mañá.

Este luns, a Biblioteca Municipal iniciará a Semana das Letras Galegas, na que o depósito literario convertirase no punto de referencia do municipio. Concretamente, o 15 de maio a partires das 17.30 horas na Biblioteca tratarase "Os contos da festa no faiado: Homenaxe a María Victoria Moreno", para que os cativos coñezan aínda máis de preto á autora. Esta actividade inclúese dentro do programa Ler conta moito.

Mentres, o 17 de maio, propio Día das Letras, será a gran xornada. Pola mañá, a partires das 11 horas, o Peirao de Raxó será o escenario do comezo da Carreira Popular pola Lingua. Xa pola tarde, o Xaime Illa acolle a conferencia "O mundo da mitoloxía na literatura oral galega" de Rafael Quintía. Posteriormente terá lugar a entrega de premios aos gañadores da XXV Edición Concurso Literario Xaime Illa Couto. A gala será amenizada pola música de Tino Baz.

Xa para rematar a amplo programa, o sábado 19 de maio PoioEscena regresa ao Xaime Illa con "Chumbalagatas".