María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, é a protagonista da obra de teatro "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", da compañía Matrisoshka. Será posta en escea o vindeiro martes, 15 de maio, no Teatro Principal (21 horas).

A peza, dirixida por Gena Baamonde conta no seu elenco coas actrices Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo. Ademais de querer lembrar a figura da escritora e profesora pontevedresa, xurde coa finalidade de ensalzar as figuras femininas da cultura galega, así como da lingua. Debe o seu título ao amor aos animais que a autora profesaba públicamente.

O texto de "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos" é de carácter colectivo e conta tamén coa colaboración das editoriais galegas, afirman as impulsoras da obra.

"Esta é unha peza creada sobre un concienzudo traballo de documentación no que lemos a súa obra editada e inédita. O noso obxectivo non era facer unha enumeración de feitos, datas e títulos. O noso labor é facerlle a María Victoria Moreno e ás nosas outras mestras de vida o agasallo que merecen: poesía, amor, fantasía e humor", aseguran as actrices.

As entradas para ver a obra pódense mercar dende 8 euros máis gastos de xestión en www.ticketea.com. Os parados e xubilados pagarán 4 euros. Tamén se poden adquirir na billeteira dende dúas horas antes de que comece a representación.