A Real Filharmonía de Galicia volta a Pontevedra. E regresa para exercer coma punto de partida do Día das Letras Galegas. A actuación da orquestra autonómica na capital do Lérez marcará o inicio da festividade da lingua nacional a nivel de toda Galicia. Será na véspera do xoves 17: a noite do día 16 a partires das 21 horas no Auditorio Afundación.

A sala de prensa do Concello de Pontevedra foi onte o lugar onde se presentou este concerto, que se celebra na cidade por terceira vez nos derradeiros anos. "É a cidade onde máis reiteramos e di moito do seu compromiso coa cultura", explicou o presidente do Consello da Cultural Galega, Ramón Villares.

O responsable desta institución sinalou que Pontevedra era o mellor lugar posible debido a que é unha cidade vencellada a María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano nas Letras. "Antes foron Valentín Paz Andrade e Filgueira Valverde, tamén con vinculación coa vila", lembrou.

Para Villares, o concerto da Real Filharmonía é "a mellor forma de comezar" a festa e un xeito de "combinar letras e música". Precisamente a figura de Victoria Moreno será a protagonista do espazo musical. "Haberá algúns textos delas musicados. Tamén de Cabanillas, Valle-Inclán o Filgueira Valverde", adiantou o presidente desta institución.

Pola súa banda, o director da orquestra, Maximino Zumalave, indicou que "as vésperas dos días de festa xa son parte da festa", polo que o concerto será un "divertimento e, á vez, unha posta en valor da cultura galega". Para Zumalave, non hai mellor xeito de unir elementos importantes coma "a música, a literatura e a lingua".

Programa amplo

O director da Real Filharmonía de Galicia destacou que a música preponderante será a do tempo de María Victoria Moreno. O programa constará de dúas partes. A primeira comezará cunha alborada galega de Pascual Veiga, continuará cunha instrumental de Gregorio Baudot e rematará coa peza "Duns folios que foron brancos". Esta composición é unha estrea do vigués Miguel Matamoro, que relaciona dous textos da autora homenaxeada.

Xa na segunda parte do programa será o turno a unha homenaxe á poesía galega con cancións xacobeas de Antón García Abril, con textos de Valle-Inclán, Cunqueiro, Sancho I y Cabanillas. Para rematar, executarase Tres Estampas Galegas, coma chiscadela ás Irmandades da Fala. As cancións serán Alborada (no día da festa), Unha palillada en Camariñas e A espadela. Todas elas populares e que permitirán que o público as entoe.

Para o director xerente de Afundación, Pedro Otero, o concerto supón que Pontevedra acolle "unha actividade moi relevante a nivel de Galicia". Ademais, Otero destacou que as Letras Galegas "sempre descubren cuestións específicas que non están no popular".

O director de Afundación destacou que María Victoria Moreno era precursora da literatura infantil e xuvenil, apostaba polo ensino e por Pontevedra, tres puntos que Afundanción ten "coma propios".

Tanto Otero coma Carmen Fernández, directora territorial de Abanca, sinalaron que Pontevedra é unha cidade "á vangarda en canto á cultura" e o concerto do Día das Letras Galegas supón "un acto singular e da máxima calidade, cunha esencia que fai que sexa máis relevante".

Por último, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a aposta dos organizadores por Pontevedra novamente e anunciou que a súa institución fará unha recepción a partires das 20 horas no Café Moderno á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega. Unha hora despois comezará o concerto no Auditorio Afundación, con entrada libre ata completar aforo.