A figura de María Victoria Moreno, homexeada deste ano no Día das Letras Galegas, adquirirá en Poio todavía máis relevancia. O Concello, xunto coa Deputación de Pontevedra, confeccionou un amplo programa co motivo da festividade da lingua no que a autora é a grande protagonista.

Poio contará cunha semana de actividades vencelladas ao idioma galego que comezarán este mesmo sábado, 12 de maio, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. A partires das 21 horas, MatrioshkaTeatro interpretará a obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", que percorre a vida e obra da autora.

O luns que vén, a Biblioteca Municipal iniciará a Semana das Letras Galegas, na que o depósito literario convertirase no punto de referencia do municipio. Concretamente, o 15 de maio a partires das 17.30 horas na Biblioteca tratarase "Os contos da festa no faiado: Homenaxe a María Victoria Moreno", para que os cativos coñezan aínda máis de preto á autora. Esta actividade inclúese dentro do programa Ler conta moito.

Mentres, o 17 de maio, propio Día das Letras, será a gran xornada. Pola mañá, a partires das 11 horas, o Peirao de Raxó será o escenario do comezo da Carreira Popular pola Lingua. Xa pola tarde, o Xaime Illa acolle a conferencia "O mundo da mitoloxía na literatura oral galega" de Rafael Quintía. Posteriormente terá lugar a entrega de premios aos gañadores da XXV Edición Concurso Literario Xaime Illa Couto. A gala será amenizada pola música de Tino Baz.

Xa para rematar a amplo programa, o sábado 19 de maio PoioEscena regresa ao Xaime Illa con "Chumbalagatas", interpretado pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra.

Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa infantil e xuvenil, como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.