O IES de Vilalonga acolle hoxe, ás 10.30 hras, a segunda das dez representacións da obra "Leonardo e os fontaneiros" que Ubu Teatro levará por diferentes concellos da provincia no marco do Ano da Lingua da Deputación. A adaptación, que está indicada para todo tipo de públicos, baséase na obra homónima de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Esta representación forma parte da programación teatral que baixo o título "María Victoria Moreno a escena!", o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia, e que conta cun total de 60 actuacións a cargo de seis compañías de teatro. No caso concreto de "Leonardo e os fontaneiros", que comezou o percorrido en Forcarei e que continúa mañá en Sanxenxo, chegará tamén a Arbo, Rodeiro, A Lama, Mondariz, Vilaboa, Barro, Pontecesures e Vilanova de Arousa.

A adaptación, realizada pola compañía Ubu Teatro e producida por Galaxia Editorial, constrúese a partires de flashbacks mediante os que van contando a historia de Antón e Begoña, dous compañeiros de clase que lembran, xa maiores, as aventuras acontecidas no seu último ano de colexio. Hai que lembrar que na obra orixinal, publicada por María Victoria Moreno en 1986, a historia está protagonizada por Antón, un rapaz a piques de pasar ao instituto, que decide narrarlle as súas aventuras a Leonardo, un can da rúa ao que coida como se fose seu.