A descuberta dunha placa no edificio no que residiu María Victoria Moreno na avenida de Vigo serviu onte de anticipo ao acto central do Día das Letras, un plenario extraordinario da Real Academia Galega que se celebrará o vindeiro día 17 no Teatro Principal.

Logo de ter adicado unha rúa ao seu nome e de divulgar a súa obra nun documental, o Concello continuou os actos adicados á escritora e docente coa colocación dunha placa na avenida de Vigo número 15, onde viviu María Victoria Moreno. Entre os participantes no acto, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que en nome do alcalde suliñou que Moreno "é todo un exemplo de integración na nosa vida colectiva, de compromiso, de ecoloxía cultural. Un chegar e identificarse coas substancias máis doces do noso país: a súa lingua e a súa literatura".

Pola súa parte, o plenario da A Real Academia Galega principiará ás 12.30 horas no principal teatro de Pontevedra, onde María Victoria Moreno se estableceu en 1963 ao chegar a Galicia e que este ano é o epicentro dos actos centrais organizados co gallo do Día das Letras Galegas.

Tres numerarios da academia intervirán no plenario. "Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora neste acto, aberto ao público ata completar capacidade. A sesión concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes", indican os voceiros da institución cultural.

Xesús Alonso Montero coincidiu con María Victoria no Instituto de Lugo e as duas académicas foron amigas, compañeiras en calidade tamén de docentes e escritoras e amigas persoais da homenajexada.

A RAG lembra que María Victoria Moreno naceu circunstancialmente en Extremadura en 1939, medrou en terras de Castela, estudou sendo adolescente en Barcelona, fíxose filóloga en Madrid "e escolleu ser galega e empregar a súa lingua en todos os contextos pouco tempo despois de establecerse na nosa terra, a onde chegou para exercer a docencia".

Entre 1965 e 1967, deu clases no Instituto Masculino de Lugo, unha etapa decisiva no espertar do seu activismo a prol da lingua galega en plena ditadura. "Neste centro coñeceu o profesor Xesús Alonso Montero, de quen herdou, segundo ela mesma dixo, a súa actitude ante a lingua galega e a ética e o compromiso cos seus falantes", engaden as mismas fontes, "entre os dous axiña medrou unha fonda amizade, que queda patente no primeiro libro que publicou a escritora, Mar adiante (1973). O académico prologouno e parte do alumnado do barco escola Arroás que protagoniza esta historia levou o nome dos fillos deste, un xesto de cariño que repetiría en moitos títulos coa rapazada e a xente adulta que quería".

Os académicos inciden en que Mar adiante foi un título pioneiro na literatura infantil galega "co que María Victoria asinou para sempre o compromiso coa lingua galega e co público máis novo: a lingua para ela na creación literaria, e na vida, sería en diante sempre o galego e a gran maioría das obras que escribiría dedicaríaas á xente miúda e adolescente, se ben tamén escribiu poesía e relatos para o público adulto, ensaio e crítica literaria. Este conto de contos foi ademais un canto á renovación pedagóxica dunha profesora vocacional capaz de espertar vocacións literarias e conciencia lingüística nas aulas, porque aínda que era docente de Lingua e literatura castelá xa lles facía oco naqueles anos, nas clases dos venres, aos grandes nomes das letras galegas e á práctica da escrita en galego".

Destacan que a literatura infantil e xuvenil é tamén o terreo no que adoitan expresarse literariamente as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que serán as encargadas de abriren o plenario o vindeiro día 17. Sinalan que Fina Casalderrey, que comparte tamén con María Victoria Moreno a condición de pontevedresa, "foi ademais alumna dela nos cursos de literatura galegas que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas son ademais persoas moi vinculadas á xente nova desde o ámbito laboral: Marilar Aleixandre é catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela e Fina Casalderrey foi mestra".

A RAG xa elexira o pasado mes de febreiro Pontevedra para abrir a súa programación do Ano María Victoria Moreno. Da man da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela, a institución presentou a nova edición do proxecto web Primavera das Letras, centrado nos máis novos.