Queremos que che quede claro/ que o galego hai que falalo. / Así que na escola, / na casa ou na rede, / recorda, / a lingua non para! Así remata, co lema desta edición, o rap-manifesto gañador do Correlingua 2018, unha carreira polo dereito a medrar na nosa lingua que chegará a Pontevedra o vindeiro día 8 de maio e que de novo convocará a centos de cativos nunha gran reivindicación do galego.

Desta volta, na súa edición número 18, agarda contar con uns 20.000 nenos inscritos que, ademáis de participar nas 12 carreiras non competitivas previstas en distintas cidades e vilas, realizan actividades ao longo do curso vinculadas á musica, as artes plásticas, o audiovisual, a literatura etc

O Teatro Principal foi escenario onte da presentación da nova entregra e tamén recibiron os seus premios os galardoados nos concursos escolares que o Correlingua organizou ao longo do curso.

Anxo Terán, presidente do Correlingua, exerceu de anfitrión dos representantes das asociacións e institucións que promoven o evento e dos numerosos cativos que asistiron ao acto.

O Correlingua 2018 principiará en Bueu o día 2 do vindeiro mes de maio e percorrerá o país ata rematar o 16 de maio en Vigo. Pasará pola Estrada, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Mondoñedo, Tomiño, Ourense, Monforte de Lemos e Ferrol.

Engádense a estas carreiras os citados concursos. Os grupos que recolleron os premios foron, en vídeo de primaria e infantil o alumnado de quinto A do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela); en vídeo de secundaria e bacharelato o da ESO do CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense.

Na categoría de manifesto os gañadores foron os alumnos de terceiro C do IES Antón Fraguas (Santiago) e en banda deseñada os estudiantes de quinto B do CEIP Albeiros de Lugo.