O lobo Garimoso é unha das creacións máis entrañables de María Victoria Moreno e o encargado de rememorar o periplo vital da que foi a súa autora no libro "Doce cartas a María Victoria Moreno", unha biografía novelada da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O IES Torrente Ballester, no que María Victoira Moreno impartiu clases e ao que doou parte da súa biblioteca, foi onte o escenario da presentación desta obra que firma a recoñecida escritora e tradutora Ánxela Gracián e que ilustra Antonio Seijas.

Os dous acompañaron na presentación ao director do instituto pontevedrés, David Castro, ao académico Xesús Alonso Montero e a editora Laura Rodríguez.

Máis que unha sucesión de datos, a obra propón un viaxe máis emocionante e literario. Hércules de Ediciones, que publica a obra, sinala a este respecto que "partindo dunha documentación verificable e de feitos efectivamente acontecidos nun tempo e nun espazo, o libro achéganos -cunha narración áxil e imaxinativa na que destacan os diálogos e as fermosas ilustracións que atraerán ao público infanto-xuvenil- á vida auténtica e ao legado literario da escritora María Victoria Moreno, galega de sentimento e de adopción, que contribuíu co seu traballo incansable á consolidación da literatura e a cultura de noso".

O lobo Garimoso, que no libro "Mar adiante" pasa varias noites coa nena Mariquiña sen comela porque a cativa o soñou bondadoso, volve a cobrar vida nesta obra. Garimoso, fascinado por esa nova vida de lobo que non se ve na obriga de comer carapuchiñas, "inicia a lectura de todos os libros de María Victoria Moreno, tanto os escritos por ela como os que sobre ela se escribiron e, logo do mergullo nesa lectura fascinante, decide mandarlle estas doce cartas". Nelas rememorase a infancia, a concepción da docencia ou da escrita, entre outros importantes capítulos da vida da escritora.