A área de Cultura e Lingua da Deputación pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Esta convocatoria contempla un prazo de inscrición para os grupos desde a súa publicación no BOPPO ata o 6 de abril e permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes opten a un máximo de tres actuacións ao longo deste ano.

O programa establece seis categorías: Son muller, Son crianza, Son mocidade, Son tradición, Son clásico e Son actual. O galego debe estar presente nun mínimo do 70% das obras musicais que interprete cada agrupación.