O Pazo de Mugartegui acolleu onte a entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos á transmisión da lingua galega, un acto que estivo presidido polo alcalde e o concelleiro de Normalización Lingüística.

O premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional foi para Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, "transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias". Xuntos crearon materiais para a aprendizaxe da lingua, primeiro en papel e despois desde a Rede como a páxina web ogalego.gal.

Pola súa banda, o premio ao labor desenvolto desde a última edición foi para o programa Apego, "por conseguir sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial dos seus fillos".

O premio elixido entre as propostas presentadas pola cidadanía foi para Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega.

O Concello de Pontevedra convoca o premio Xoán Manuel Pintos co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.

O xurado dos galardóns, estivo formado, entre outros, polo debuxante Luis Davila, que recibíu uns dos premios da edición do 2016, así como Beatriz Campos, de Migallas Teatro.