Lugar máis hermoso/ non houbo na terra/ que aquel que eu miraba/ que aquel que me dera... Os versos de Rosalía escoitaronse de novo na voz de nenos, pais músicos, artistas ou políticos que se sumaron aos distintos actos para festexar á nosa poeta nacional.

Despois do acto que celebrou a Deputación (que seguindo o consello dos escritores galegos agasallou os que acudiron ao Pazo Provincial con libros e camelias do cultivar "Rosalía de Castro" ) as actividades trasladaronse na mañá de onte ao tramo peonil da rúa que leva o nome da poeta.

Durante varias horas un acto lúdico e reivindicativo lembrou a obra de Rosalía e a súa mensaxe, así como o seu exemplo de loita polas mulleres, os rebeldes coma ela, os humildes...

Laura Solla, Heva e Bea Mazeira puxeron música os versos da escritora e tamén se celebrou unha acción poético e reivindicativo que guiou Tamara Andrés. Non faltou una lectura aberta de poemas nun acto que combinou distintas voces e profesionais, desde rapeiros a artistas plásticos ou políticos, caso de Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización, departamento municipal que organizou a celebración.

Ésta levou por título #Rosalíate e tamén incluiu unha performance. A intervención artística consistiu en rematar unha figura de Rosalía que logo ficou sentada durante todo o día nunha das cadeiras baleiras da escultura da terculia.

Alberto Oubiña explicou que "moi posiblemente despois do Día de Rosalía a escultura será asentada nalgún edificio municipal, dado que está feita cun material sensible e podería danarse se segue a intemperie".

A maiores das institucións, a práctica totalidade dos colexios lembrou á máis ilustre da poesía galega moderna. É o caso do CEIP Pontesampaio, que por primeira vez convidou a pais e titores a una lectura en familia dunha selección de versos.

Tampouco faltou neste caso a música, banda sonora para que todos cantasen "Adios ríos, adios fontes", nun acto que buscaba, sinala o equipo de Dinamización de Lingua Galega do centro, "abrirlle a fiestra a Rosalía de Castro, xa que como di María Reimondez nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento".

Este equipo tamén tivo agasallos para os asistentes, unha flor e un poema de Rosalía para que siga a alumearnos: Lugar máis hermoso/ no mundo n'hachara/ que aquel de Galicia/ ¡Galicia encantada!