- Ten encanto Pontevedra ou o agarimo confúndenos e perdemos a perspectiva?

- Pontevedra é unha cidade singular froito dunha longa historia, que nos últimos anos experimentou unha enorme transformación urbanística. Posúe encanto e personalidade propia; dá gusto pasear por ela e gozar dos seus espazos, tanto urbanos como naturais.

- Cre que é unha cidade sociable e cómoda para vivir?

- Por suposto. A súa estrutura favorece a mobilidade peonil, o tránsito en vehículos sen motor e trabállase a prol da eliminación das barreiras. O seu deseño actual prima as persoas, invita á socialización entre a veciñanza e pensa na infancia, por exemplo, potenciando os camiños escolares, como ten exposto o pedagogo Francesco Tonucci no seu libro "A cidade dos nenos".

- Estamos deixando espazo para a cultura?

- No que ten que ver coa industria do libro, Pontevedra é boa vila, dá de ler a quen pasa. Aquí desenvólvense iniciativas salientables como Culturgal, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil ou a Semana Galega de Filosofía. Nesta contorna teñen tamén a súa sede empresas do sector como Distribucións Arnoia ou Gráficas Anduriña, onde se imprimen boa parte das novidades de Kalandraka. Ademais, destacan proxectos culturais como Migallas Teatro, o Festival Internacional de Jazz ou o Ateneo de Pontevedra, por citar algúns. Pero segue sen encherse unha eiva fundamental: unha rede municipal de bibliotecas.

- Se ben a súa experiencia profesional está ligada ao sector servizos, entende que é un sitio amable co empresariado ou só está deseñada para pasear?

- Para pasear e traballar. Kalandraka vai camiño de cumprir 20 anos dende a súa creación no Campiño de Santa María e actualmente o noso espazo de traballo está a carón da Praza de San Xosé, en pleno corazón da cidade. É un exemplo de empresa afincada en Pontevedra que, desde aquí, interacciona co resto do mundo.

- O seu traballo permítelle percorrer cidades. Que comparacións establece?

- Visitamos cidades moi distintas, pois Kalandraka ten empresas en Madrid, Cataluña, Portugal e Italia. Tamén frecuentamos as feiras internacionais do libro. En todos estes lugares gabámonos de que Kalandraka está situada nun lugar acolledor e privilexiado de Galicia que se chama Pontevedra.

- Recomenda Pontevedra aos seus coñecidos?

- Non só recomendamos, senón que somos anfitrións de autores, ilustradores, editores e outros compañeiros que nos visitan, encántanos narrarlles a historia da cidade.