Os actos do 25-N contra a violencia machista en Marín comenzarán hoxe ás 11.30 horas na Casa do Concello, coa lectura do manifesto e a entrega de premios ás Anpas dos centros educativos da vila e a Josefa Area, poetisa marinense. Seguidamente, ás 12.00 horas, comenzará unha andaina contra a violencia de xénero. Nesta marcha poderán participar familias "para reivindicar un mundo libre de violencia, onde homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades de ser libres e crecer sen prexuízos". Desde o Concello de Marín animan á cidadanía a participar nesta reivindicación co lema "Todos os días contra a violencia de xénero".

Pola súa banda, a Marea Feminista de Marín celebrou onte unha charla-coloquio co título "A violencia simbólica. A violencia que non se ve". Este acto servíu como colofón ao ciclo de actividades realizadas durante este mes novembro sobre a violencia de xénero que se iniciou co "Café-Tertulia feminista", e continuou co faladoiro sobre "O camiño do Pacto de Estado sobre a Violencia de Xénero". Estas actividades tiñan a intención de sensibilizar á veciñanza de Marín sobre a lacra da violencia machista e a necesidade de tomar medidas reais e efectivas para erradicala.

Marea expón que "ningunha campaña consistente en repartir uns agasallos na praza de abastos de Marín vai acabar coa violencia de xénero se non vai acompañada dunha política e uns orzamentos suficientes destinados a este fin. Non serve de nada repartir unhas bolsas da compra -algo que por certo contribúe a manter os roles asignados ás mulleres polo patriarcado-, uns paraugas ou unhas tazas como en anos anteriores, se logo non se presiona os gobernos da Xunta e do Estado para que aumenten estes orzamentos e poñan todos os medios necesarios para acabar coa violencia machista e protexer as mulleres ameazadas".

Desde a Marea Feminista de Marín demándase "máis políticas efectivas e menos autobombo".