Saír máis felices que ao entrar. Ese é o obxectivo do minicongreso de crecemento persoal #TerritorioFelicidad que se celebrará en Ponte Caldelas o día 30 de novembro a beneficio dos damnificados polos incendios do pasado 15 de outubro ás 19.30 horas. A iniciativa estará a cargo dos adestradores internacionais Juanma Quelle e Pedro Campos e constará de charlas inspiracionais, breves sesións de música basadas na percusión e, sobre todo, moi bo humor.

O #TerritorioFelicidad é unha marca motivacional que circula por toda España con estes dous adestradores e que ten celebrado xa paradas no País Vasco, Santander, Madrid, Albacete e diversos puntos de Galicia. As súas sesións adoitan ser de pago, moitas delas enfocadas a empresas ou organizacións, aínda que ámbolos dous manteñen tamén un compromiso constante coas causas solidarias.

A iniciativa chega a Ponte Caldelas gracias a Kevin Lemos. No seu empeño atopou a colaboración total do Concello de Ponte Caldelas. O alcalde, Andrés Díaz, recibiuno no Concello, xunto a Pedro Campos.

O minicon- greso terá unha entrada de só 2 euros, unha cifra moi inferior ao que se paga neste tipo de eventos. O aforo está limitado á capacidade da Casa de Cultura. Non obstante, se nestes días se detecta unha gran demanda cambiarase ao auditorio do colexio Cordo Boullosa. As persoas interesadas poden adquirir as entradas no Concello de Ponte Caldelas, no supermercado A Ermida, situado en Marcón (a carón do cruce da Ermida), ou chamando ao teléfono 606231386. O 100% da recadación será ingresada na conta solidaria do Concello de Ponte Caldelas en colaboración con Cáritas.

Esta actividade leva por título o do libro sobre motivación persoal escrito por Juanma Quelle (editorial Planeta) e que constitúe xa unha referencia no sector da autoaxuda. É froito da alianza entre este motivador persoal vasco e o músico cubano Pedro Campos.

Kevin Lemos contactou con eles a través das Redes Sociais e logrou o seu compromiso para achegarse ata Ponte Caldelas. Nos últimos días foron pechando os detalles e a colaboración decidida do goberno local tripartito deu o empurrón definitivo ata culminar hoxe coa presentación oficial.

Dúas horas de diversión

Pedro Campos promete dúas horas de diversión, porque tanto as charlas como as sesións musicais buscan sempre que o público pase un rato moi divertido. Explica que é unha sesión para todos os públicos, idónea para ir en grupo ou en familia e non ten dúbida de que haberá un cheo total. O máis importante, explica, é que a xente vai saír máis feliz do que entrou.

Kevin Lemos adianta que aínda que o cartel xa está pechado poden xurdir novas sorpresas nos próximos días, que iranse anunciando oportunamente.