O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañou onte ó fillo de Carlos Casares, Christian Casares, na presentación da mostra adicada ao escritor galego. Odeputado provincial de Cultura Xosé Leal, a concelleira de Cultura de Pontevedra Carme da Silva e Chus Martínez, comisaria da proposta artítica, tamén participaron neste acto no que se salientou o interese da exposición para "achegar á cidadanía a vida e a obra dunha figura central da literatura galega", ao tempo que incidiu no interese das diversas iniciativas desenvolvidas durante todo o ano ao abeiro das Letras Galegas para afondar no legado do escritor ourensán falecido en 2002.

"Os mundos de Carlos Casares" pode visitarse ata o vindeiro día 26 no claustro do Edificio Sarmiento e a organización suliña a súa "novidosa proposta expositiva", con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, "encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares".

A Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, promoveu esa mostra na que comparte comisariado con Chus Martínez Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación que leva o nome do escritor).

O estudo coruñés Creus e Carrasco deseñou a proposta expositiva que, como lembran os voceiros do Museo, organízase en cinco etapas nas que se expoñen imaxes de referencia, obxectos e textos. A primeira, "Paisaxes", recolle desde os primeiros anos en Xinzo ata a saída do Seminario Menor de Ourense, deténdose nos lugares da infancia, os amigos, os comezos literarios, o contacto con Antón Tovar, Vicente Risco e os artistas, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Buciños, etc.

A segunda etapa, "Luzadas", achéganos á etapa universitaria, "o mundo compostelán, a loita estudantil, os primeiros pasos de profesor en Ourense, Viana do Bolo e Bilbao. É unha etapa con trasfondo político e literario (ADE, FeLiPE, a conquista do SEU, o contacto con Ramón Piñeiro, o Concilio Vaticano II, Raimon en Compostela...)", engade a organización.

A mostra continúa con "A viaxe", una terceira etapa protagonizada por Kristina Berg e pola a inmersión na sociedade sueca." Relata as primeiras viaxes do escritor galego por Europa, os inicios do xornalismo literario, o abrazo socialdemócrata, a entrada na Real Academia Galega e a súa madurez literaria xunto cos seus galardóns por obras como Xoguetes para un tempo prohibidoou Ilustrísima".

"Os mundos de Carlos Casares" avanza con "Conviña", que centra ao espectador época do compromiso político no Parlamento galego e os inicios da plasmación do programa de Ramón Piñeiro. Tamén aparecen a consolidación do escritor e o nacemento do editor, a viaxe á URSS e o papel de mediador cultural da literatura galega.

Por último, a mostra despídese con "O redondel", adicada a madurez dun novelista e a conquista da popularidade no xornalismo literario. Aparecen as etapas na presidencia do Consello da Cultura Galega e a participación en cenáculos e fundacións, así coma o traballo na Academia, o impulso da arte contemporánea, o teatro e o audiovisual e a despedida do autor.