- Cales son os adxectivos que mellor cualifican a Pontevedra?

- Unha cidade culta, intelixente e tranquila. A administración do BNG convertiuna nun magnífico espazo de relación social, potenciando ademais o seu extraordinario patrimonio histórico. Unha cidade para visitar e para vivir. Mesmo para presumir dela diante dos invitados de fóra. Nunca quedas mal.

- Que estraña da cidade da súa infancia?

- Se cadra a lembranza dalgúns amigos. Pero o tempo pasado non necesariamente foi mellor.

- Como a ve agora? Como avalía os cambios?

- Xa o comentei antes. A cidade gañou en presenza, en autoestima, na valoración da súa memoria histórica e do seu patrimonio. Cómpre profundizar nesa identidade que nos diferencia doutras cidades da contorna. George Borrow, alcumado Jorgito el Ingles, cando nos visitou en 1837, dixo que Pontevedra parecía unha cidade italiana, con laranxeiras e limoeiros, deitada á beira do Atlántico.

- Se ten que facer tempo unha hora onde iría?

- Gústanme as calellas de arredor da igrexa de Santa María, a igrexa dos mareantes, que eu recreei na miña primeira novela, "O triángulo inscrito na circunferencia". E a praza do Teucro.

- Recomenda Pontevedra aos seus coñecidos de fóra?

- Sempre que teño oportunidade. Como dixen antes, nunca quedas mal.

- E que é o que non deberían perderse?

- Todo. Hai que organizar ben o percorrido, dende a Moureira e as Corbaceiras ata a ponte do Burgo e os peiraos da antiga Galera; dende o castro de Santa María ao castro de San Francisco; dende a tumba de Pai Gómez Chariño, o noso trobeiro do mar, ás salas históricas do museo, que son unha delicia; dende a casa do Arco dos Muruais, coa memoria do xardín umbrío de Valle-Inclán, á antiga Biblioteca Pública, a casa dos Pintos Fonseca, mostra certamente singular da arquitectura masónica; e o carballo de Santa Margarida, e A Ferrería. E a poder ser, a cada pouco ir parando nas vellas tabernas, que seguen vivas.