O IV Congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG celebrado onte en Pontevedra reelixiu a Dores Martínez como secretaria nacional con 110 votos a favor, 5 brancos e 1 nulo. Ademais, durante a sesión que tivo lugar na Facultade de Forestais e na que participou o secretario xeral da central, Paulo Carril, tamén se renovou a executiva que dirixirá a federación durante os vindeiros catro anos, aprobouse o informe de xestión da dirección saínte e escolléronse os representantes no Consello Confederal.

Carril abreu, tras o saúdo da tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, un encontro que se celebrou baixo o lema "Organización e loita para avanzar" e no que participaron 118 congresistas.O máximo responsábel da central fixo un repaso polas principais frontes abertas tanto no país como no conxunto do Estado, con especial atención a Lei de Sanidade ou a de Fomento de Iniciativas Empresariais.