Brila a fouce inda quente das raíces dos toxos

afroando furentes labaradas insones

mais logo esmoreceran nun éxodo de espellos

que o vento debalaba na xerfa dos ronseles

A carón das fogueiras lonxe a rente das noites

xogan orfos os nenos coas murchas referencias

Manuel Cuña Novás

Vintecinco anos logo da marcha do seu marido, o gran poeta pontevedrés Manuel Cuña, Josefina Casasbellas Martínez emprende o camiño de atopalo na eternidade. Nese encontro no infinito estará o autor de "Hipofanías", o seu fillo, e tamén extraordinario poeta, Jorge Cuña Casasbellas. Miguel Ángel Cuña falando do seu irmán escribiu: "Esa percura incesante, sempre dramática por canto a poesía mesma desempeña unha función afirmativa pola linguaxe que utiliza, é vivida por J. Cuña como unha paixón, un pathos, que arraigado na propia condición humana, se alza frente á posición do home no mundo e resolve en estoupido permanente".

Esta enorme paixón pola vida, ese saber estar no mundo é parte do legado de Josefina Casasbellas, a fundadora e presidenta da Fundación Cuña-Casasbellas. Unha entidade que vén sendo como unha casa para o Ateneo de Pontevedra, pois alí realizamos as nosas xuntanzas e outras actividades, contando sempre co agarimo de Miguel.

Unha Fundación que é exemplo de actividade constante na cidade de Pontevedra. Mostras de arte, obradoiros, e sobre todo a organización do Brumario Poético de carácter anual. Un Brumario onde poesía, danza e música se dan a man.

Unha Fundación moi viva onde todas as semanas se nos ofrece unha película dentro dun ciclo temático, moi ben escollida, para os amantes do cine.

Unha Fundación onde se conxugan verbas como, esperanza, libertade, amizade e outras cun fondo sentido solidario, que tanto necesita o mundo de hoxe. Miguel e Josefina e moitos amigos con esta incesante actividade de apoio ao desenvolvemento da creatividade fan posible que poidamos creer nun mundo mellor.

Unha impresionante Biblioteca de máis de dez mil volumes onde se agocha a Cultura con maiusculas, onde teñen un espazo especial a poesía, a filosofía, o ensaio, a narrativa, a psicoloxía ou a antropoloxía cultural. E sobre todo, onde preservar a memoria de Manuel e de Jorge sempre presentes nas actividades da Fundación e tan actuais no seu pensamento.

Din que a beleza salvará o mundo, outros pensan que será a cultura a que salvará o mundo, eu penso que persoas como Josefina, Manuel, Jorge ou Miguel son as que necesitamos para que se produza ese milagre.