O Foxo do Lobo de Laxoso, unha estrutura construída en pedra polos canteiros, vén de ser restaurado e musealizado polo Concello de Ponte Caldelas. A trampa tradicional está formada por dúas sebes de pedra en forma de funil que rematan nunha estrutura circular na que se daba morte ao animal. A lonxitude total é de 448 metros o que a converte nun dos máis interesantes de toda Galicia.

O Concello realizou unha actuación de limpeza integral para a súa posta en valor como un atractivo turístico máis do municipio. Un panel explicativo, instalado no marco dunha subvención concedida pola Deputación, completa a aposta. O traballo de recuperación e elaboración de contidos foi dirixido polo arqueólogo Alberte Reboreda.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou o espazo e recibiu as explicacións do experto sobre a funcionalidade desta trampa, testemuña en pedra da importancia que hai tempo se lle daba á caza do lobo nas terras do interior da provincia, ata o punto de que algúns concellos chegaron a emitir bandos para a regulación da súa poboación.

O Goberno local integrou o Foxo do Lobo, situado en Laxoso, na zona norte do municipio e moi preto dos límites municipais con A Lama e Cerdedo-Cotobade, na súa rede de sendeiros intercomunicados. Ao mesmo tempo, atópase a escasos metros dos pasos de Portasouto sobre o río Verdugo. Todo este conxunto etnográfico é facilmente visitable dende a estrada provincial PO-235, de Ponte Caldelas a Augasantas.

A musealización inclúe unha descrición das dúas sebes de pedra, denominadas Norte e Sur, que conforman o funil. Teñen un trazado case rectilíneo.