Despois do éxito obtido o pasado curso ao abeiro do programa "DepoEmprende na Escola", a Deputación de Pontevedra porá en marcha este curso unha nova edición do programa que chegará a un total de 21 centros de ensino de 14 concellos da provincia. Ademais de chegar a 15 centros de educación primaria e especial, por primeira vez este ano o programa expándese tamén aos centros de formación secundaria a través dunha experiencia piloto na que participarán outros 6 institutos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra multiplica en máis dun 100% os centros participantes respecto ao ano pasado, cando se adheriron nove centros de educación primaria e educación especial.

A Presidenta, Carmela Silva, expresou a súa satisfacción "pola excelente acollida dun dos programas da Deputación que máis me ilusiona particularmente. Iniciativas como estas son as necesarias para fomentar o emprendimento, fomentar a actitude dos máis novos e novas, e ogallá que outras administracións se sumasen a este tipo de iniciativas", engadiu.

Nesta ocasión, na modalidade de primaria, participarán os seguintes centros: en Pontevedra, o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe e o CEIP Santo André de Xeve. En Vigo, o CEIP García Barbón e o CEIP Josefa Alonso de Alonso.En Sanxenxo, os CEIP Plurilingüe da Florida e de Nantes e en Vilaboa CEP Plurilingüe Riomaior no que se refire á nosa coamrca. Ademais, por primeira vez este ano, a Deputación de Pontevedra desenvolverá unha experiencia piloto a través da cal tamén participarán seis centros de educación secundaria.