O alcalde, Andrés Díaz, agradeceu o esforzo de todos os traballadores municipais, das empresas colaboradoras, das orquestras, das autoridades civís, militares e relixiosas que participaron nos distintos actos e, sobre todo, de todos os veciños e veciñas de Ponte Caldelas que fan das Festas das Dores a referencia que son en toda a bisbarra. "Sempre hai cousas que mellorar, porque é imposible que todo saia ben ao 100%, e nós somos un goberno humilde que presta atención aos fallos coa intención de que non se repitan, pero creo que tamén temos motivos para estar moi contentos".

O impacto sobre a hostalería local deixouse notar especialmente, pois durante estes días foi complicado atopar lugar onde cear en Ponte Caldelas. A capacidade dos bares e restaurantes resultou desbordada en varios días e, moi especialmente, durante o domingo.

As Festas das Dores botaron a andar o venres coa proposta musical máis dirixida ao público novo. O Caldelas Xoven, cun cartel co Dr. Bellido como cabeceira, foi todo un éxito e prolongouse ata ben entrada a madrugada, rematando cun canón de escuma, que fixo as delicias dos asistentes.

O sábado, rexistrouse outra vez unha gran afluencia na verbena, coa orquestra Televisión como reclamo. Foi un día de moita xente, pois pola tarde a procesión do Sagrado Corazón xa sacou á rúa a centos de persoas. Ao tempo, o Festival Folclórico, a cargo da banda de gaitas Os Coribantes, un grupo vasco e outro rioxano, completaron un día moi completo.

O domingo a chegada do Combo Dominicano revolucionou Ponte Caldelas, ata o punto de que aparcar, a pesar de todos os estacionamentos gratuítos dispoñibles (Calzada, Concello, Chan da Barcia e Froiz), converteuse nunha manobra complicada. A Alameda de Ponte Caldelas rexistrou a maior presencia de público dos últimos anos, pois non quedaba un só oco dispoñible diante da chegada de xente de moitos puntos de Galicia.

O luns, o ambiente estivo asegurado polo festival Son de Caldelas, a cargo dos diferentes grupos musicais locais, a cea da peña Festeiros na propia Alameda e, finalmente, a verbena coa orquestra Miramar. O martes, o centro urbano encheuse para a procesión de San Roque, que contou coa banda da Brilat e a banda de gaitas Os Coribantes. Ao seu remate ofreceron un pequeno concerto conxunto.

O remate final chegou coa verbena de 9 horas de música interrompida. Comezou ás 23.00 horas e rematou, como manda a tradición, ás oito da mañá.