A ofrenda no monumento erixido a Alexandre Bóveda na Caeira centrará hoxe as homenaxes ós represaliados no Día da Galiza Mártir, unha xornada na que se lemba ós miles de galegos que morreron ou en xeral sufriron cadea, persecución, o afastamento dos seus traballos etc por motivos ideolóxicos.

Marea Pontevedra celebrará ás 12 nos xardíns da Ferraría un acto cívico coas intervencións de Luís Rei, Carlos Aymerich e Ánxeles Cuña Bóveda, mentras que o voceiro do grupo político Luís Villares pronunciará o discurso final de homenaxe.

Unha hora máis tarde o Concello de Poio exercerá un ano máis de anfitrión do acto institucional que comezará ás 13 horas na Caeira. Tomarán a palabra o alcalde, Luciano Sobral, a concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro, representantes das fundacións Castelao e Bóveda e Amalia Bóveda, en nome da familia do homenaxeado.

O acto, no que participarán, entre outros, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón, despedirase coa ofrenda floral.

Ás 14 horas as actividades trasladaranse á Alameda da Seca, ó carón do Parque da Memoria, que por primeira vez será escenario do xantar de entrega do Premio Día de Galiza Mártir, que neste 2017 recae no historiador Xosé Estévez.

Actos en San Amaro

Xa pola tarde as actividades trasladaranse ó cemiterio de San Amaro, onde se oficiará unha misa de aniversario ás 18.30 horas que dará paso media hora máis tarde á ofrenda cívica diante do sartego de Bóveda.

Finalmente, a xornada despedirase coa homenaxe e a ofrenda floral organizada polo Bloque Nacionalista Galego que terá lugar na praza de Curros Enríquez. Neste acto intervirán Demetrio Gómez, responsable da formación nacionalista en Pontevedra e Caldas e a portavoz nacional do BNG.