Os máis novos Gaiteiros das Rías Baixas tocaron pechado, a expresión musical máis nosa e que sempre defendeu Ricardo Portela, para anunciar o Memorial que leva o nome do mestre gaiteiro, unha cita que este ano lembrará o 25 cabodano do seu pasamento.

Así, habitualmente o Memorial adícase a un mestre gaiteiro pero neste 2017 o protagonista volverá a ser o gaiteiro de Viascón, un dos grandes da nosa música tradicional. "Foi o noso presidente de honra, queriamos facer algo máis especial", suliñou Alberto Pires, directivo da Asociación Galega de Gaiteiros, "con máis festa e intentamos buscar gaiteiros que tocaran en pechado, o máis noso e representativo".

Non resultou doado pero finalmente serán dez os convidados musicais á 18 edición desta cita musical, unha das que máis instrumentistas convoca xunto co Festival de Jazz.

Celebrarase os vindeiros días 7 e 8 de xullo, de novo coa praza da Ferraría como epicentro e onde se desenvolverá a XV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais.

Ésta abrirá o venres de 17 a 21.30 horas, o sábado de 11.30 a 14 e de 17 a 21.30 horas e de novo será punto de encontro de artesáns procedentes de todo o país.

Coa artesanía, o gran atractivo do Memorial volverá a ser a música. O día 7 haberá pasarrúas cos Gaiteiros das Rías Baixas, Enxebres de Cacheiras, Seitura, Gomes Mouro e Berros do Castro.

Estas actuacións polas prazas e rúas darán paso ás 21horas na Ferraría ó concerto de Tiruleque.

O 8 de xullo, no "día grande" da celebración, haberá pasarrúas da Asociación Cultural Picuiña, Os Carunchos, Lubicáns, Cantigas e Froreres e Contraochenos.

A homenaxe principiará ás 21 horas na Ferraría e na mesma actuarán Álvaro Novegil, Ernesto Campos e Marcos Campos. Darán paso ó concerto de Carapaus que despedirá o Memorial.