A Asociación Monte Pituco (Pornedo) é un dos 64 colectivos de Galicia e o único de Marín que figura entre os fundadores da Rede do Patrimonio Cultural (RPC) que se acaba de constituír. Esta organización reúne entidades que traballan a prol da defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial.

Entre os principios que inspiraron a creación da RPC destaca a consideración do patrimonio cultural galego como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia, entendido como un recurso estratéxico que debe ser conservado e transmitido ás vindeiras xeracións nas mellores condicións.

A RPC contribuirá a darlle visibilidade ás actividades e accións dos colectivos que a conforman. No caso de "Monte Pituco", estas iniciativas pasan pola organización de roteiros para dar a coñecer a riqueza cultural, natural e paisaxística do monte de San Xulián, a parroquia marinense que, malia contar coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos, ten boa parte dos seus conxuntos arqueolóxicos en situación de abandono e desprotección, agás os petróglifos de Pornedo, Pinal de Caeiro e Sete Camiños que se integraron no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Recentemente deuse a coñecer a existencia de tres grupos de gravados rupestres inéditos na zona da Carrasca que xa se atopan en proceso de catalogación como Bens de Interese Cultural. Pero a principal teima da Asociación relacionada coa conservación non só do patrimonio prehistórico.