Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é o obxectivo do novo espectáculo de clown creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A peza "O valo" estrearase o 21 de xuño, ás 11 horas, no CEIP de Lourido e percorrerá en total dez concellos socios da entidade co fin de evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxen, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.

Dous actores interveñen no espectáculo "O valo" , baseado no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. "O valo" é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

Outros concellos

Poio, Laxe, Redondela, San Sadurniño, Ames, A Guarda, Caldas, Ourense, Cabanas e A Coruña son os municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que acollerán antes de finais de ano esta actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Pallasos en Rebeldía defínese coma un espazo do teatro galego para traballar a cooperación internacional a través da risa. Xurdida nunha visita a Chiapas en 2004, considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir que tamén teñen as persoas máis desfavorecidas ou a superación dos nosos complexos mediante a cura da gargallada.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.