O Concello de Cerdedo-Cotobade, a través do seu presidente, Jorge Cubela, fixo unha declaración institucional por mor do proceso de elección do persoeiro homenaxeado para as Letras Galegas 2018 aberto pola Real Academia Galega (RAG).

O Concello de Cerdedo-Cotobade quere apoiar publicamente a candidatura do escritor, historiador, antropólogo, etnógrafo e histórico galeguista cotobadés Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, 1905-Santiago de Compostela, 1999), xa que estima que a súa traxectoria, vida, obra e inquedanzas fano merecido acredor da máxima distinción das nosas letras.

Lembra que "Antón Fraguas, Fillo Predilecto de Cotobade, conta cunha vasta bibliografía na que abordou aspectos literarios, sociais, culturais, biográficos, costumistas, xeográficos e relixiosos que teñen axudado a que moitas xeracións de galegos comprendesen e coñecesen mellor o seu país. Ademais, xa foi distinguido co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao ou os Premios Otero Pedrayo e das Artes e das Letras de Galicia, o que dá mostra da súa relevancia histórica, e participou, dalgún xeito ou outro, nas principais institucións culturais de Galicia: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Real Academia Galega ou Museo do Pobo Galego".

Para o Concello, "Antón Fraguas foi un loitador a prol da nosa identidade, da nosa cultura e da nosa literatura e as súas inquedanzas galeguistas incluso lle custaron o seu posto de traballo como profesor no instituto da Estrada cando estalou a Guerra Civil, xa que sofreu a represión e tivo que traballar na ensinanza privada ata que recuperou a súa cátedra en 1950".

O Concello está a traballar intensamente nos últimos anos na posta en valor e na consecución do máximo recoñecemento para a figura de Antón Fraguas como un dos persoeiros máis grandes da historia e da cultura galega. Así, nesta década impulsáronse actividades municipais vencelladas a este Fillo Predilecto.