A primeira versión en galego de Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, chega o vindeiro xoves 15 a Pontevedra da man do Centro Dramático Galego (CDG). O Auditorio Afundación será o escenario da representación, programada para as 20,30 horas, coa que a compañía pública entra na recta final da xira desta produción, integrada polos esperpentos As galas do defunto e A filla do capitán.

A creadora pontevedresa Marta Pazos encargouse da dirección artística de ambas as pezas que, a partir de estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán. Así o explicou na presentación da función que o CDG ofrecerá en Pontevedra, onde estivo acompañada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e pola directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores.

Na súa intervención, o director da Agadic agradeceu a colaboración de Afundación para achegarlle as propostas teatrais do Centro Dramático Galego tanto ao público de Pontevedra como ao de Vigo, onde Martes de Carnaval poderá verse tamén o 22 de xuño. Respecto a este espectáculo, referiuse a Marta Pazos e a Fefa Noia, directora do CDG, como as "verdadeiras artífices" do proxecto: "Moito se está a falar, sobre todo nos últimos tempos, da necesidade de incorporar máis mulleres nos distintos postos e oficios relacionados co teatro", asegurou, ao tempo que quixo deixar patente que esta produción non sería posible sen a valente aposta que por ela fixeron ambas as directoras.

Ademais de sinalar a relevancia da incorporación de Valle-Inclán ao repertorio teatral en galego, unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra, tamén fixo fincapé no moi esixente traballo interpretativo e físico que realiza neste espectáculo o amplo elenco de artistas.