A Asociación Pedaladas entregou onte a primeira serie de "carné ciclista" do programa "Ao INSTIenBICI" a alumnos do IES Sánchez Cantón.

O carné ten varios niveis. O nivel 0 preséntase baixo o lema "Coñezo a normativa para usar a bicicleta", mentres que o 1 responde á frase "Sei usar a bicicleta por lugares de tráfico calmado". O nivel 2 é o "Sei usar a bicicleta dentro de poboado sen tráfico calmado" e o nivel 3, "Sei usar a bicicleta en estrada"

Entregáronse 31 carnés. Nove deles foron de nivel 0 para os rapaces que participaron na charla sobre normativa e seguranza viaria e na xornada de habilidade en bicicleta no patio, e os outros 22 foron de nivel 1, xa que os rapaces conseguiron superar o test de Pauwells e fixeron a practica na rúa acompañados por Pedaladas e a Policía Local.

Ademais do IES Sánchez Cantón, tamén participou na xornada o IES Frei Martín Sarmiento. A iniciativa, que leva por título "Mobilidade sostible e seguridade viaria para ciclistas", ten como obxectivo a potenciación da mobilidade peonil e ciclista para substituír parte dos desprazamentos aos centros de estudios que se fan en vehículos a motor por desprazamentos sostibles en bicicleta ou a pé.

A elección destes dous centros de Pontevedra para as xornadas de formación, que se completará no curso 2017-2018, débese a que os seus estudantes se desprazan habitualmente en bicicleta ao instituto e contan co apoio da dirección do centro para fomentar este vehículo. A xornada de formación ten dous bloques de contido. O primeiro céntrase na mobilidade sostible ciclista e peonil en contraposición co automóbil e os problemas que este ocasiona de contaminación, uso do espazo público e consumidor de recursos. O outro refírese á seguridade viaria para ciclistas onde se imparte normativa, consellos e elementos obrigatorios na circulación usando unha bicicleta.

Pedaladas organiza para este domingo unha saída cicloturista polo río Gafos xunto a Vaipolorío. Só hai 25 prazas, polo que é precisa a inscrición previa. Son un total de nove kilómetros.