"A coleccionista de sombras (Farsa en tres actos e dous entreactos)" é a representación teatral que ofrecerá hoxe, no marco do 'Venres do Ateneo', o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Mestre Landín de Marín, dirixido polas profesoras Susana Arizaga e Casilda Basteiro. Será ás 19:30 hora no salón de actos da Biblioteca Pública, con entrada libre.

A sesión cultural seguirá ás 21:00 horas no mesmo espazo cun concerto de música tradicional galega interpretada polo gaiteiro Felipe Rea, acompañado á guitarra por Miguel Alfonso. Neste caso, a actividade forma parte do ciclo Pontegal e, no acceso, os socios e socias do Ateneo achegan unha doazón de 1 euro; 2 euros no caso dos non socios.

Baseada nunha obra de Antón Cortizas Amado, a adaptación escolar de "A coleccionista de sombras" está dirixida a público de todas as idades. Trátase da historia dunha coleccionista de sombras que de súpeto, perde unha das máis valiosas: a sombra de cor verde; daquela contará coa axuda de varios personaxes para recuperala. Nas peripecias que se desenvolven lo escenario daranse situacións cómicas e humorísticas, mesmo pasando pola intervención do público.