Numerosos grupos e solistas da música tradicional galega (12 xa coñecidos, a maiores das sorpresas que incluiu a festa) rendironlle onte homenaxe a Xosé Carlos Pereira, coñecido por todos coma Pereira, o fundador da taberna enxebre Eicho de dar Queridiña de Ponte Caldelas.

O local pechou "fai eso de ano e medio", sinala o seu propietario, que na pasada década dos 90 puxo en marcha unha taberna na que ano tras año se foron dando cita os nomes máis relevantes da música tradicional galega. A boa cociña galega e o escenario singular sumaron atractivos á baiuca.

O Concello de Ponte Caldelas, que colaborou na homenaxe, lembra que o local "converteuse nunha referencia para a música e a cultura galega... Ao mesmo tempo, Pereira converteuse nun persoeiro que tamén tivo vinculación política municipal, pois chegou a integrar a candidatura do BNG".

Coñecidos artistas galegos, caso de Carlos Núñez, e tamén artesáns coma Seivane, pasaron pola taberna da Ínsua, na que onte principiou a festa cunha tocata. Seguiu un roteiro musical polo centro de Ponte Caldelas e un xantar popular na Alameda, que deu paso ó espectáculo de homenaxe presentado por Luis "O Caruncho".

Entre os que subiron ó escenario, Pelica de Can, Sobre Rodas, Os Xeitosos da Insua, Choran as Pedras, Solfami, Contraconcheno, Tanxedoras, Barrosantes, Malvares de Moscosos, Amoras Maduras, Calcetín Furado y Mercé Alegría.

O grupo Nós tamén Imos, un habitual das celebracións festivas de Ponte Caldelas, organizou esta festa que rematou coa interpretación conxunta da peza Eicho de dar Queridiña que no seu día deu nome á taberna, pechada trala xubilación do seu propietario.

En paralelo á homenaxe que lle rendeu a música galega, o Concello de Ponte Caldelas tamén quixo recoñecer o esforzo de Pereira na divulgación da nosa cultura musical e o tenente de alcalde Lito Muiños, en nome do goberno local, fíxolle entrega dun agasallo institucional.