- En que mudou o camiño entre Lérez e Pontevedra?

- Xa non hai aqueles troles eléctricos que colliamos no Empalme, onde a farmacia, que nos levaban ao centro. Lémbroos ateigados de xente. Na mesma Porta do Sol de Lérez, diante da escola das nenas, a propia estrada era o patio de recreo onde xogabamos a partida, ao pañuelo, ao brilé, á corda, algo impensable hoxe. Creo que mudou o camiño e cambiei eu.

- Resulta interesante camiñalo?

- Sempre resulta saudable e, polo tanto, interesante camiñar dende Lérez ao centro da cidade. Atravesar a Ponte do Burgo é ter a sensación de que chegamos á "meta".

- Hai xente que asegura que o centro histórico de Pontevedra é un dos mellor conservados, vostede que opina?

- Que teñen toda a razón. E non só iso, senón, dos máis fermosos.

- Hai algún recuncho ou monumento que lle chame a atención?

- Gústame subir ao campanario de Santa María e imaxinar que estou na Castroforte de Baralla de Torrente Ballester, na Pontevedra dos séculos XV, XVI, XVII, XVIII, e, dende alí, levitar pola memoria da Vella Moureira. Os arroases a saltar os arcos da Ponte do Burgo, os galeóns atracados nos peiraos da Moureira de Arriba. A Santa María e a Pinta xa a piques de saíren ao mar nos vellos asteleiros, a ría prateada polas sardiñas, a pesca ao cerco real? Que marabilla!! Pero sentarse en calquera das prazas en boa compaña, tamén pode ser unha boa opción.

- Cales son os seus paseos preferidos pola cidade?

- Pola beira do río Lérez, tanto cara a Monte Porreiro (e, se hai folgos continuar o camiño ata Bora) como cara a Marín (depende se busco máis o bulicio da xente ou a soidade) ou segundo as sendas do río dos Gafos (aí podo imaxinar os hórreos e os muíños doutro tempo...)

- Recomenda visitar Pontevedra?

- Recomendar? Pontevedra debería ser unha sorte de San Andrés de Teixido.