A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Rosa Arcos, asinaron onte un convenio de colaboración por importe de 10.000 euros para a realización dun proxecto de visibilización das mulleres do rural que se centrará na loita contra a violencia de xénero e na posta en valor dos traballos de emprendemento realizado por mulleres do rural da provincia.

Carmela Silva manifestou que "o rural non ten futuro sen as mulleres, e iso significa que é fundamental que as administración poñan recursos a disposición deste tipo de asociacións".

Nesta mesma liña a presidenta da Deputación sinalou que Fademur "é unha das asociación máis potentes coas que contamos e que mellor defende ás mulleres do rural" polo que se sinte moi satisfeita por ter pechado este convenio.

O proxecto está dirixido a mulleres traballadoras ou paradas que viven no medio rural, que figuran como colaboradoras nas explotacións agrarias, ás produtoras de alimentos e ás artesás.

Entre os obxectivos principais da iniciativa está a loita contra a violencia machista no rural, xa que, como explicou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, "non hai estatísticas que permitan saber se hai máis ou menos violencia no medio rural pero si que existe unha violencia rural distinta provocada polo propio entorno, pola presión social, pola convivencia familiar e porque son núcleos moito máis endogámicos", o que fai necesario o desenvolvemento de mecanismos diferentes para detectar os casos de violencia de xénero no rural e para loitar contra esta lacra.

Por outro lado o proxecto pretende visibilizar o traballo das mulleres do rural que teñen proxectos de emprendemento de diferentes tipoloxías como pode ser a artesanía, porque "ás veces é complicado dar a coñecer eses proxectos e poñerlle cara", indicou Arcos e asegurou que "as mulleres son unha parte importantísima da actividade económica do medio rural".