Preto de vinte centros de ensino da comarca de Pontevedra tomaron na mañá de onte as rúas e prazas do casco vello no Correlingua, a carreira pola lingua coa que máis de 1.350 nenos e adolescentes reivindicaron o dereito a medrar en galego.

Ponte Caldelas, Marín ou Cotobade, ademais de Pontevedra, foron algún dos concellos representados nesta carreira non competitiva na que de novo non faltou a diversión, amais do exercicio físico. A cita foi adiada o pasado día 10 polo mal tempo anunciado, de xeito que as actividades na cidade do Lérez pecharon tres semanas de itinerancia polo país e nas que participaron máis de 10.000 rapaces.

Os máis pequenos, alumnos de Educación Infantil, correron por un circuíto máis curto no entorno da Ferraría, epicentro da xornada festiva e na que o regueifeiro e zanfonista Luis o Caruncho deu a benvida ós participantes.

Pola súa banda, os estudiantes de Primaria e ESO alongaron a carreira por varias rúas máis do casco vello e do seu entorno.

Un ano máis, os participantes chegaron á Ferraría con ducias de lemas en defensa do galego. Pola súa banda, a organización escolleu para este ano "En galego, sen cancelas", en referencia á necesidade de que o uso da nosa lingua non se vexa limitado de ningún xeito, especialmente no ensino, para que non se impida o seu uso en determinadas materias "ou non se reduzan as horas do galego como lingua vehicular de asignaturas diferentes á lingua e literatura galegas", sinala.

Os músicos do grupo a Compañía do Ruído e o dragón cuspe auga de Art Monium tampouco faltaron á cita, que despois da carreira incluiu distintos actos, como a lectura do manifesto (este ano o gañador do apartado foi o alumnado de cuarto da ESO do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis) e a actuación de Birlibirloque, uno dos grupos gañadores do certame Cantalingua.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, saudou ós rapaces e ós eus profesores, intervención á que seguiu a entrega de agasallos e globos, que se soltaron logo na despedida do Correlingua 2017.

Foi un ano máis unha gran festa, a celebración de ter unha lengua propia. Como indican os profesores do IES Ponte Caldelas, buscaba "que toda a comunidade educativa tome conciencia da riqueza que supón a lingua galega" e a responsabilidade que temos os adultos de transmiltila para nos galegos do futuro.