Na celebración do Día das Letras Galegas 2017, o Concello de Marín entregou os premios do XIX Certame Premio de Poesía, así como os premios do concurso literario para escolares. Nun acto celebrado no Museo Manuel Torres entregáronse os galardóns, que na categoría de adultos foi para Rocío Leira Castro, veciña de Cee, e nos escolares os gañadores foron, en terceira categoría (5º e 6º de Primaria), a obra "O mar" de Pedro Abrokwah Solla, alumno do CEIP Sequelo. A segunda obra foi "O vento", de Pedro Ares Touriño, tamén do Sequelo; e en terceiro lugar "O inverno" de Raquel de la Torres Carabelos, igualmente do Sequelo.

Na cuarta categoría (1º e 2º de ESO), os premiados foron "Castro da Subidá", de Álvaro Pastoriza Gómez, do IES Mestre Landín; en segundo lugar "Dicilo Todo" de Natalia Pérez del Río, del IES Mestre Landín e, en terceiro lugar, "Emoción irrompible", de Cristina Gallego Trabazo, estudante do IES Mestre Landín.

Na celebración deste Día das Letras Galegas o Concello incentiva nos centros escolares de Marín durante estas últimas semanas unha campaña de coñecemento da figura á que este ano se lle adica, Carlos Casares.

Ateneo Santa Cecilia

Tamén o Ateneo Santa Cecilia entregou neste Día das Letras Galegas os premios do III Concurso de Relato Curto "Marín conta", no que participaron estudantes dos centros de ensino marinenses. Celebrada igualmente no Museo Manuel Torres, esta entrega foi o colofón duns actos que comezaron coa entrega de premios do concurso de poesía organizado polo Concello e que seguiu cunha homenaxe do cuarteto de música tradicional Picuiña ao gaiteiro Manolo Cristos e Os Marañóns, cuxas actuacións están vencelladas á antiga Danza de Espadas.

No certame convocado polo Ateneo Santa Cecilia, na categoría de Educación Primaria, o primeiro premio foi para a obra titulada "O mexilón e a vieira", de Martín Torres Martínez, alumno do colexio Inmaculada. Tamén pertencen a este centro educativo o segundo e o terceiro clasificados, respectivamente: Daniel Antón Villegas Martínez polo texto "O misterio dos peixes", e Pablo Hermida Meira, autor do relato titulado "O pobo de Marín".

No apartado de Educación Secundaria, a gañadora do primeiro premio foi Ainhoa González Fernández, alumna do IES Mestre Landín e autora de "Fin do xogo". Tamén estuda neste centro a segunda clasificada, Jessica Ogando Chapela, que presentou o relato "O Ford negro", mentres que en terceiro lugar foi elixido o texto titulado "Supervivente", de Ana Barros Fernández, do Colexio Inmaculada.