Vinte centros de ensino da comarca de Pontevedra tomaron esta mañá as rúas e prazas do casco vello no Correlingua, a carreira pola lingua coa que máis de 1.350 nenos e adolescentes reivindicaron o dereito a medrar en galego.

Ponte Caldelas, Marín ou Cerdedo-Cotobade, ademais de Pontevedra, foron algún dos concellos representados nesta carreira non competitiva na que de novo non faltou a diversión, amais do exercicio físico. A cita foi adiada o pasado día 10 polo mal tempo anunciado, de xeito que as actividades na cidade do Lérez echan tres semanas de itinerancia polo país, nas que participaron máis de 10.000 rapaces.

Os máis pequenos, alumnos de Educación Infantil, correron por un circuíto máis curto no entorno da Ferraría, epicentro da xornada festiva e no que o regueifeiro e zanfonista Luis O Caruncho deu a benvida ós participantes.

Pola súa banda, os estudiantes de Primaria e ESO alongaron a carreira por varias rúas máis do casco vello e do seu entorno.

Un ano máis, os participantes chegaron á Ferraría con ducias de lemas en defensa do galego. Pola súa banda, a organización escolleu para este ano o lema "En galego, sen cancelas", en referencia á necesidade de que o uso da nosa lingua non se vexa limitado de ningún xeito, especialmente no ensino, para que non se impida o seu uso en determinadas materias "ou non se reduzan as horas do galego como lingua vehicular de asignaturas diferentes á lingua e literatura galegas", sinala.

Os músicos e o dragón cuspe-auga de Art Monium tampouco faltaron á cita, que despois da carreira incluiu distintos actos, como a lectura do manifesto (este ano o gañador do apartado foi o alumnado de cuarto da ESO do CPI Afonso VII de Caldas de Reis) e a actuación de Birlibirloque, un dos grupos gañadores do certame Cantalingua.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, saudou ós rapaces e ós eus profesores, intervención á que seguiu a entrega de agasallos e globos, que se soltaron logo na despedida do Correlingua 2017.